A Concelleira de Benestar informa ó Consello de Servizos Sociais de que o Servizo de Axuda no Fogar non ten lista de espera

Luns, 02 de agosto de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno local informou hoxe ó Consello de Servizos Sociais de que en Lugo non hai lista de espera no servizo de axuda no fogar.

O Consello de Servizos Sociais, do que forman parte representantes do Goberno local os grupos políticos municipais, da Xunta e de asociacións e entidadades sociais, reuniuse hoxe en sesión ordinaria na Casa do Concello.

Precisamente sobre o servizo de axuda ó fogar, a Concelleira de Benestar e Igualdade, Carmen Basadre, lembrou que a lei de Dependencia prevé que os Concellos non participen na financiación da axuda ás persoas dependentes, que quedaría a cargo das Comunidades Autónomas, o Estado e os usuarios, pero “ó Concello seguiralle costando cartos, aínda que en principio non tería que poñer nada”.

Basadre explicou que a Xunta dalle ó Concello 9.960 euros por cada hora de atención a persoas dependentes mentres que o prezo ten que pagar 15,28 euros por hora.

A modo de exemplo, Concelleira indicou que dos 137 dependentes que reciben este servizo en Lugo, hai 53 que necesitan, cada un deles, 80 horas de atención ó mes. Esto supón un total cada mes de 4.240 horas polas que a Xunta aporta 40.704 euros e o Concello ten que pagar 64.787. Prodúcese, por tanto un desfase todos os meses ó que teñen que facerlle fronte as arcas do Concello.

“Esta é a realidade do que percibimos e do que pagamos aínda que, en principio, a dependencia non a teñen que financiar os Concellos”, dixo a responsable municipal de Benestar.

Basadre sinalou tamén que os usuarios aboan cada mes un total de 6.600 euros, xa que o 27% están e exentos por mor dos seus baixos ingresos e o resto paga 1,56 euros por cada hora de atención.

Ademáis, a Concelleira de Benestar informou de que o Consello de Servizos Sociais foi informado da adxudicación dos contratos da Casa das Línguas á empresa Vitae, do centro de día Antonio Gandoy a Alalás e do Servizo de Axuda no Fogar a Atendo Dependencia.

Aulas Abertas e Ociotecas

A Concelleira de Benestar Social tamén lembrou que hoxe rematou a programación das Aulas Abertas e Ociotecas correspondentes ó mes de xullo, actividades nas que participaron preto de 400 nenos.

O vindeiro luns comezarán novas actividades para os cativos nos centros cívicos, aínda que neste caso por mor das vacacións de moitas familias a demanda de prazas foi menor. Calcúlase que serán uns 300 nenos os que participarán nos obradoiros e xogos da programación de actividades de verán que adica o Concello á poboación infantil de Lugo.

Concurso “Diversiarte”

Tamén presentou hoxe a Concelleira de Benestar Social o concurso de deseño gráfico “Diversiarte”. Este ano o Concello e as asociacións de discapacitados acordaron convocar un concurso para deseñar o cartel e os programas dos actos que conmemorarán en Lugo o Día das persoas con discapacidade, que se celebra no mes de decembro.

Os deseños deberán destacar a discapacidade como unha relación co entorno e destacar valores como a diversidade, a dignidade, a vida independente ou a participación social.

As bases establecen un premio de 300 euros para o traballo gañador.

A convocatoria está dirixida a toda a poboación e o prazo está aberto ata o día 20 de outubro. As bases do concurso poden consultarse tanto na web do Concello www.lugo.es como no teléfono de atención cidadá 010.

Multimedia

Noticias relacionadas