Concedidas axudas por 156.000 euros a 61 lucenses con talento deportivo e a 62 clubs e asociacións de deporte

O Concello prorroga os contratos para manter os programas de conciliación laboral e familiar Unha Escola Aberta e Aprende Xogando, e para a atención do centro de día municipal Novo Antonio Gandoy

Mércores, 30 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou na sesión deste mércores a concesión de axudas por valor de 156.000 euros encamiñadas a fomentar o deporte e a actividade física, e apoiar ao tecido asociativo. Por unha banda, outorgou 24.000 euros a 61 lucenses con talento deportivo, que percibirán contías económicas individuais que oscilan entre os 160 e os 760 euros, e por outra, concedeu 130.000 euros a 62 clubs e asociacións de todo tipo de modalidades, dende  atletismo, running, ciclismo, balonmán, béisbol, esgrima, fútbol, hockey, pádel ou piragüismo. Así o explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que ambas as dúas relacións de beneficiarios das axudas deportivas, de concorrencia competitiva, serán publicadas na páxina web do Concello (www.lugo.gal)

Así mesmo, na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno acordou a prórroga de tres contratos de servizos, dous deles para manter os programas de conciliación familiar e laboral Unha Escola Aberta e Aprende Xogando, e o terceiro para a atención do centro de día municipal Novo Antonio Gandoy.

En canto ao programa Unha Escola Aberta, prorrógase o contrato con A Billarda por un ano, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2016, por importe de 203.500 euros; e para Aprende Xogando -as ociotecas dos centros Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, María Balteira e A Milagrosa- prorrogouse o contrato coa Fundación Camiña Social por 5 meses, de xaneiro a maio de 2016, por 43.500 euros. A prórroga do servizo no Novo Antonio Gandoy é por tres meses –de xaneiro a marzo- por 85.200 euros.

Neste senso, o voceiro do Goberno lembrou que, segundo unha nota explicativa emitida recentemente polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, “as competencias en materia de educación, servizos sociais e atención primaria da saúde seguirán sendo dos concellos mentres non sexan aprobadas as normas reguladoras do novo sistema de financiamento autonómico e local”. Deste xeito, “o Concello de Lugo decidiu manter as actividades dos programas Unha Escola Aberta, Aprende Xogando e do centro de día Antonio Gandoy”, indicou.

Apoio á lingua galega

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de dúas subvencións en apoio á lingua galega: á Asociación Cultural Correlingua por importe de 3.600 euros para a organización da recoñecida carreira para fomentar o uso do galego coa participación dos colexios, e á Asociación de Escritores en Lingua Galega, por 2.500 euros co fin de colaborar coa organización da Gala das Letras-Premios en lingua galega.

Audio

Noticias relacionadas