Comunicado Oficial do Concello de Lugo sobre a información coñecida polos medios de comunicación que transcende ao respecto dunha posible querela dun sindicato

Mércores, 13 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A información que neste momento ten o Goberno Municipal é a unicamente achegada polos medios de comunicación, descoñecendo o contido xurídico real da posible querela.

Sendo coñecedores da sentenza pola cal se anulaba a Comisión de Servizo de Doña Ana Sáez Mancebo para o posto de Letrada Asesora, cuxa firmeza definitiva foi decretada aínda a finais do mes de febreiro, a vontade do Goberno Municipal sempre foi e é cumprir esta e todas as sentenzas, sempre con informe previo do servizo de persoal e tendo en conta a especial dificultade para a cobertura dun posto que leva aparellado a representación e defensa desta Administración ante os Tribunais.

Non obstante, manifestamos que dita sentenza se refire a unha comisión xa extinguida e que a día de hoxe o posto de Letrado Asesor está cuberto mediante a fórmula da adscrición, prevista no artigo 46 do Regulamento Orgánico Municipal de Goberno e Administración (ROMGA), e que foi informado favorablemente polo servizo de persoal do Concello. É de significar que esta última resolución non foi obxecto de impugnación xudicial,  nin polo tanto de anulación posterior.

Este é o marco actual real do controvertido posto de traballo e é capital destacar que  o Goberno Local, para despexar calquera tipo de dúbida sobre a aplicaciónda referida Sentenza, leva buscando diversas alternativas, tendo en conta a eficiencia e a idoneidade dos servizos e necesidades administrativas.

En relación a substitución da Vicesecretaria á que tamén se fai referencia na nota de prensa, non podemos menos que subliñar que a funcionaria cumpre os requisitos necesarios para exercer dita substitución, sendo Licenciada en Dereito e Técnico de Administración Xeral.

Tras facilitar toda esta información, o Concello de Lugo conclúe remarcando que dende esta institución sempre se actúa conforme á legalidade vixente, brindando sempre a máxima colaboración coa Xustiza. Non en van, lembrar novamente que soamente temos constancia desta posible querela polos medios de comunicación.

Noticias relacionadas