COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO Servizos destacados durante a fin de semana do 22 ao 24 de outubro

Luns, 25 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO  Servizos destacados durante a fin de semana do 22 ao 24 de outubro

Detencións por violencia de xénero

- Sobre as 22:00 horas do día 23 de outubro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da rúa San Isidro Labrador xa que ao parecer, no interior dun domicilio, estaba a producirse unha agresión. Os axentes trasládanse de inmediato ao devandito lugar onde unha muller relátalles que a súa parella, despois dunha pequena discusión, abalanzouse sobre ela, agarrándoa polo peito, empuxándoa e tras arrebatarlle o móbil lanzouno violentamente ao chan rompéndose.

Que unha patrulla da PN, que acudiu ao lugar posteriormente, entrevistouse co fillo da parella manifestando que o seu pai agarrara un pau, con clara intención de utilizalo contra a súa nai, pero púxose no medio e logrou interceptalo. Que ante tal situación a dotación de Policía Local procede á detención do home, que se achaba na vivenda, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un delito de violencia de xénero. Á muller ofrecéuselle ser trasladada a un centro médico, manifestando que prefería desprazarse polos seus propios medios.

- Sobre as 1:00 horas do día 24 de outubro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á rúa Escultor Asorey xa que ao parecer no interior dunha vivenda un home está a agredir a unha muller. A patrulla comparece de inmediato no lugar sendo recibida por unha muller que tiña a roupa manchada de sangue e un forte golpe na cella dereita, con salpicaduras de sangue pola cara, manifestando que non estaba soa, que había outra persoa que tiña un coitelo.

Os axentes rexistran o domicilio achando nunha das habitacións á parella da ferida, apoiado contra unha parede, sen que achen a arma branca, procedendo á súa detención por un delito de violencia de xénero, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen as dilixencias oportunas para o Xulgado correspondente.

O home, que inicialmente se mostraba colaborador, no transcurso do traslado proferiu ameazas graves cara aos axente, golpeando violentamente o biombo de protección do vehículo policial, tendo que ser reducido e inmobilizado. A muller foi asistida por unha dotación sanitaria do 061 que foi reclamada polos axentes.

 

Dispositivo especial nocturno

A noite do sábado 23 ao domingo 24 de outubro, por efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, estableceuse un dispositivo especial para o control do cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre o lecer nocturno, realizándose as seguintes intervencións:

  Levantáronse 37 actas de denuncia por infracción á normativa galega de Residuos ao sorprender a outros tantos mozos ouriñando na vía pública. A cada un deles abriuse expediente sancionador con multa de ata 900 euros. A maioría das persoas denunciadas achábanse na rúaTravesía do Miño e algunhas delas ouriñaban na “Fonte Miñá” . Dos 37 denunciados, 27 homes e 10 mulleres.

  Inspeccionáronse varios locais de lecer nocturno, levantándose dúas actas de denuncia, en senllos establecementos da rúa Catedral, por infracción á Lei de Saúde de Galicia, por non solicitar o responsable, aos clientes que accedían ao interior dos locais, a exhibición de certificado Covid, proba diagnóstica negativa realizada 72 horas antes ou certificado de recuperación.

  Levantouse acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia a un local do centro histórico por quebrantar o horario de peche, establecido para esa noite ás 1:30 horas.

  Procédese a levantar acta de denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá ao sorprender a un mozo consumindo substancias estupefacientes na vía pública, intervíndose un gramo de marihuana.

 

Filtros de seguridade viaria

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co apoio dun equipo de Atestados do Corpo, estableceron diferentes controis de seguridade viaria en vías do centro urbano.

Sobre as 2:15 horas do día 23 de outubro foi detectada a circulación irregular dun vehículo pola Avenida de Ramón Ferreiro, cuxo condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,43 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Sobre as 5:00 horas do mesmo día foi detectado outro vehículo pola Rolda da Muralla, cuxo condutor se achaba baixo a influencia de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 0,88 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Así mesmo detectouse na Avenida de Paulo Fabio Máximo a condución dun vehículo, que ao decatarse da presenza policial, realiza un cambio de dirección brusco e sen sinalizar, sendo localizado na rúa Illas Canarias, comprobando que o turismo carece de Seguro Obrigatorio desde o mes de xaneiro e tiña a ITV caducada desde o ano 2019, abríndose expedientes sancionadores con proposta de sanción de 1.500 euros e 200 euros respectivamente e inmobilizándose o vehículo.

Na Avenida Infanta Elena detéctase a circulación dun vehículo que realiza varios percorridos entre as rotondas, a velocidade anormalmente reducida. Procédese a darlle o “alto” comprobando que o condutor carece de permiso de condución, presentando soamente unha licenza para conducir ciclomotores expedida en Colombia, polo que se abre expediente sancionador con multa de 500 euros, inmobilizando o vehículo.

Ruídos en interior de vivendas

Sobre as 00:45 horas do día 23 de outubro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da República Arxentina xa que os veciños queixábanse dos ruídos que proviñan dun baixo comercial.

Os axentes comproban que se escoita música en ton moi alto e no interior hai vinte persoas cantando e bailando e restos do que parece ser un banquete, identificando o responsable que manifesta que se reuniron un grupo de amigos que pertencen a unha asociación para cear, non sendo conscientes das molestias que causaban, sendo requiridos para que cesen na actividade, o que fan ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas