COMUNICADO DE PRENSA DE POLICIA LOCAL DE LUGO

Venres, 21 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Delito de falsificación de certificados (adhesivo ITV en vehículo)

Ás 12’25 horas do día 20 de agosto, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio que prestaba servizo pola Praza de Alacante observa a presenza dun vehículo estacionado cuxo estado, a xuízo dos axentes, non se corresponde coa posibilidade de poder superar a inspección técnica periódica, tal e como se desprende do adhesivo que presenta no seu parabrisas, motivo polo cal os policías comezan a realizar as indagacións oportunas, consultando tanto a base de datos do Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico, como coas estacións de ITV de Galicia, territorio ao que pertence o distintivo que ostenta o automóbil.

Despois de levar a cabo todas as investigacións posibles ao seu alcance, os axentes constatan que, presuntamente, o turismo foi sometido á súa última inspección o día 12 de xullo de 2018, tendo como data límite para a próxima inspección o día 20 de xullo de 2019, sen que conste que se presentou á mesma, a pesar do cal ostenta no parabrisas o distintivo de facelo.

Os policías tentan localizar á titular do automóbil, pero non o conseguen, polo cal proceden á retirada do turismo para o depósito municipal, onde queda ao dispor dos investigadores policiais, á espera de posibles probas periciais, e inician dilixencias por un presunto delito de uso de certificado falso.

Persoa sen máscara obrigatoria

Ás 19’20 horas unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio observa a presenza dunha muller, de 43 anos de idade, que transita pola Praza Maior sen facer uso da máscara obrigatoria, motivo polo cal é denunciada por incumprimento das medidas de prevención impostas polo Covid-19.

Denuncia pola Lei de Protección da Seguridade Cidadá

Ás 00’30 horas do día 21, cando os axentes da Unidade de Atestados prestaban servizo na Avd. Alfonso X O Sabio, en intervención en accidente de circulación, un dos implicados mantivo unha actitude hostil e desafiante cara a eles, tanto polo ton de voz como pola posición corporal utilizada, motivo polo cal foi debidamente identificado e denunciado por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, que cualifica os feitos como infracción leve, que pode levar consigo unha sanción económica entre 100 e 600 euros.

Noticias relacionadas