Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 29 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Por parte de axentes integrantes da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo concluíuse a investigación realizada nas dúas últimas semanas e que se materializou na confección de dilixencias penais e posta ao dispor da Autoridade Xudicial de V. R. P, de 19 anos, como autor dun presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir sen obter nunca permiso de condución.

Os feitos que deron orixe á investigación policial iniciáronse o pasado día 10 de decembro, como consecuencia dun accidente de circulación acaecido na  C/ Ramiro Rueda desta cidade, no que o vehículo guiado polo apuntado chocou, debido a unha saída de vía, contra outros que se achaban correctamente estacionados. Unha vez que se produciu o sinistro o condutor causante ausentouse do lugar sen deixar datos que permitisen a súa identificación.

Ese mesmo día, en horas da madrugada, ese mesmo vehículo viuse implicado nun novo accidente, nesta ocasión no interior do Parque Rosalía de Castro, onde o turismo guiado polo citado condutor resultou con  importantísimos danos materiais tras impactar cun dos piares de formigón que forman parte da balaustrada ornamental pertencente ao peche perimetral, nos viais que se sitúan no interior do citado parque, nunha zona totalmente excluída da circulación rodada. Neste caso, debido aos importantes  danos que presentaba o turismo -os cales impedían a súa circulación- fixeron que o condutor causante abandonase o mesmo, debendo de ser retirado polo servizo de guindastre municipal.  

Os axentes da Unidade de Atestados a cargo da investigación non tardaron en localizar ao titular rexistral do vehículo, aínda que comprobaron que existían distintos documentos de compra venda confeccionados ese mesmo día a nome de terceiras persoas que dificultaban a localización do causante.

Constataron ademais como o condutor agora investigado acudiuse ao día seguinte do sinistro en dependencias policiais coa intención de denunciar a suposta subtracción do turismo utilizado para tentar exonerar a súa responsabilidade, aínda que non chegou a formalizar a mesma.

Para a identificación do condutor finalmente investigado visualizáronse gravacións das diversas cámaras pertencentes ao centro de control  do tráfico da Policía Local, realizadas na tarde e noite dos feitos en distintos viais da cidade, así como de diversos establecementos públicos. Tamén se tomou declaración a testemuñas dos sinistros descritos que finalizaron co recoñecemento dos feitos por parte do suposto autor, unha vez citado para aclarar a súa intervención nos feitos investigados.

Así mesmo ábrense expedientes sancionadores por carecer de seguro de responsabilidade civil obrigatorio, con multa de 1.500 euros e por non pasar ITV no prazo debido, propoñéndose 200 euros de multa.

Foi denunciado tamén por conducir sen a dilixencia, precaución e non distracción necesarias e por non facilitar a súa identidade a outras persoas implicadas nun accidente de tráfico.

Multimedia

  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas