COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO

Servizos destacados da fin de semana do 13 ao 15 de maio de 2022 

Luns, 16 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO

Detención por violencia doméstica

Sobre as 6:00 horas do día 15 de maio unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da rúa Paxariños xa que ao parecer estábase producindo unha pelexa.

Ao chegar os axentes observan a unha moza de 21 anos tirada no chan cunha brecha na cabeza, sangrando abundantemente, manifestando que fora agredida por unha familiar, sendo requirida a presenza dunha ambulancia para o seu traslado ao HULA.

Os axentes localizan a esta persoa de 18 anos, a cal manifesta que se pelexou co seu familiar e no medio da discusión golpeouna cun vaso na cabeza, polo que se procede á súa detención, sendo trasladada a un centro médico e posteriormente a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un delito de violencia doméstica.

Identificación de persoa por delito de furto

Sobre as 17:35 horas do día 14 de maio unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode a un establecemento comercial da rúa Quiroga Ballesteros xa que ao perecer un home furtara varios produtos e que unha empregada estaba a seguilo, xa que abandonou o establecemento.

A patrulla localiza a esta persoa, de 29 anos, na rúa Bo Jesús e tras a súa identificación e cacheo, achan no seu poder varios perfumes subtraídos da tenda, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un delito de furto.

Controis de alcoholemia e drogas

Durante a fin de semana por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo establecéronse filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano para o control do cumprimento da normativa de tráfico, detectando as seguintes alcoholemias POSITIVAS:

Rolda da Muralla: condutores con signos de inxerir bebidas alcohólicas. DOUS POSITIVOS. 0,48 mg/l e 0,53 mg/l.

Ao primeiro ábreselle expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución e ao segundo con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución. Inmobilizándose os vehículos.

Rolda da Muralla: condutores con signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas. UN POSITIVO. Lanzou un resultado de 0,68 mg/l instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido. Inmobilizándose o vehículo.

Av. Ramón Ferreiro. Un vehículo causa danos no espello retrovisor doutro turismo, observando os axentes que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,72 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Praza da Liberdade. Un vehículo causa danos a outro estacionado, dándose á fuga. Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo localízao na Praza da Liberdade, observando que o condutor presenta signos de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,67 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Rúa Acacia. Unha patrulla da Policía Nacional require a presenza dunha dotación de Atestados da Policía Local de Lugo para a realización de probas de alcoholemia a un condutor por condución irregular, lanzando un resultado POSITIVO de 0,32 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Accidente de circulación con ferido

Sobre as 20:50 horas do día 13 de maio un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á vía de servizo de Rolda Norte, nas inmediacións da glorieta da Campiña, onde un vehículo saíuse da vía impactando de forma violenta contra unha pedra de gran tamaño situada fóra da calzada, resultando ferido o condutor e trasladado ao HULA nunha ambulancia do 061.

O condutor presentaba signos de embriaguez e ante a imposibilidade de realizarlle o control de alcoholemia debido ás feridas que presentaba na cara, solicítase consentimento para extracción sanguínea, sendo realizada polo persoal facultativa, quedando á espera do resultado da análise. (Adxúntanse imaxes)

Gorrillas

A mañá do sábado día 14, por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, estableceuse un dispositivo especial para o control da conduta ilegal de aparcacoches na contorna do HULA, empregando vehículos policiais camuflados, levantándose CATRO actas de denuncia por infraccións á Ordenanza de Circulación, ao sorprender a outras tantas persoas transitando pola calzada para indicar estacionamentos libres a condutores, ocasionando molestias e poñendo en risco a súa integridade física.

 

Multimedia

  • COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO

Noticias relacionadas