Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 20 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade e delito contra a seguridade viaria

Durante o día de onte establecéronse diversos filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, nos que participaron efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co apoio da Unidade de Atestados do Corpo, co seguinte resultado:

Detéctase de madrugada un vehículo pola Rolda da Muralla que pasa en luz vermella un semáforo, sendo interceptado e comprobando que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 1,02 mg/l (catro veces máis da taxa máxima permitida), sendo trasladado á Unidade de Atestados onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, procedendo á inmobilización do vehículo.

Máis tarde detéctase a condución irregular dun vehículo pola Avenida da Coruña, comprobando que o condutor presenta signos de consumir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,49 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, inmobilizándose o vehículo.

Así mesmo foron detectados 7 vehículos que circulaban carecendo de Seguro Obrigatorio, polo que se abren expedientes sancionadores con multa de 1.500 euros e a retirada e inmobilización dos turismos; 8 vehículos cuxos titulares non pasaran a ITV no prazo debido, polo que se propuxo sanción de 200 euros e 1 condutor denunciado por portar un permiso de condución cuxa vixencia vencera.

Tamén se levantou acta de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá por falta de respecto e consideración aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.

Auxilio á cidadanía

Ás 17:20 horas unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta na rúa Julia Minguillón unha persoa tirada na beirarrúa, tratándose dun home de 44 anos que presentaba unha forte intoxicación etílica, sendo auxiliado polos axentes e requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 que o traslada ao HULA para a súa atención médica.

Ás 17:30 horas unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a unha rúa da zona norte da cidade da cidade xa que unha persoa manifestaba que cando estaba a falar telefonicamente cun familiar interrompeuse de súpeto a chamada, temendo que lle pasase algo grave xa que é unha persoa que vive soa e de avanzada idade.

Os axentes comparecen de inmediato no domicilio e chaman repetidamente á porta da vivenda non recibindo contestación, escoitando o volume da televisión moi alto e o teléfono continuamente soando, polo que se require a presenza dunha dotación de Bombeiros e dunha ambulancia do 061.

Os bombeiros acceden ao interior a través dunha xanela, entrando os axentes policiais e localizando a esta persoa de 87 anos caída no chan da sala de estar, consciente pero totalmente confusa e desorientada, sendo atendida polos servizos sanitarios que a trasladan ao HULA para a súa valoración médica, informando de todo iso aos familiares.

Noticias relacionadas