COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO

Martes, 07 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DE POLICÍA LOCAL DE LUGO

Delitos contra a seguridade viaria

Sobre as 15:15 horas do día 4 de decembro un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á Rolda das Mercedes confluencia coa rúa Novo Freire, onde se produciu un accidente de circulación no que un turismo, ao efectuar un cambio de dirección á esquerda, desvíase á dereita e impacta contra unha árbore. O condutor presenta signos de embriaguez e é sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,76 mg/l (triplicando a taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido. (Adxúntase imaxe)

- Ás 3:25 horas do día 6 de decembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a condución irregular dun turismo que circula pola rúa Pena do Rei, cuxo condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 1,15 mg/l (case cinco veces máis do permitido), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

A madrugada do día 5 de decembro detéctanse dous vehículos que realizan conducións irregulares, cuxos condutores son sometidos ás probas de detección alcohólica.

• Ás 4:15 horas unha patrulla de PN presentan na Unidade de Atestados da Policía Local a un condutor que foi parado na Praza da Liberdade. Lanzou un resultado POSITIVO de 0,37 mg/l.

• Ás 4:35 horas unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a condución irregular dun vehículo pola Rolda das Mercedes. Ao darlle o “alto” obsérvase que o condutor presenta signos de consumir alcol, lanzando un resultado POSITIVO de 0,34 mg/l.

En ambos os casos ábrese expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Inspección de locais de hostalería

- Sobre as 2:10 horas do día 5 de decembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta que un local de hostalería da zona centro da cidade achábase aberto, cando tiña que pechar ás 1:30 horas, habendo no interior unhas 14 persoas consumindo e tendo en funcionamento o equipo de reprodución musical, estando prohibido nos locais do Grupo I (bares, cafeterías…). Os axentes realizan unha inspección no devandito establecemento, levantando acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, por quebrantamento do horario de peche e tamén por infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas ao ter instalado, sen autorización, un equipo de música.

- Sobre as 8:30 horas do día 6 de decembro realízase inspección nun establecemento de hostalería da rúa Tui, levantando tres actas de denuncia, a outros tantos clientes, por infracción á Lei de Saúde de Galicia, por acharse no interior do local sen facer uso da máscara de protección, sen atoparse en ningunha das excepcións contempladas na normativa da Xunta de Galicia.

Cabalos soltos na vía pública

Sobre as 18:00 horas do día 4 de decembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á zona de O Castiñeiro xa que ao parecer había uns cabalos soltos pola rúa.

Os axentes realizan unha batida pola zona localizando aos cabalos á altura da rúa Concello, tentando contelos aínda que continúan a galope, cruzando a Avenida de Breogán e Poeta Aquilino Iglesias Alvariño ata a Fábrica da Abella, continuando por rúa Orquídea e introducíndose na Avenida das Américas onde, á altura do edificio Baloira, logran detelos, collendo a femia e tranquilizando aos equinos.

Non obstante a egua asustouse dando un tirón, accedendo de novo á Avenida de As Américas en dirección á N-640, ata o Monte Segade, logrando controlar á egua á altura do Complexo Santiago, sendo atada cunha corda. Realízanse investigacións e localízase ao propietario dos animais, que se fai cargo deles, manifestando que os tiña nunha leira da súa propiedade situada na zona de Casás e que nunca se escaparan, abríndose expediente sancionador polos feitos relatados.

Ruídos en interior de vivenda

Sobre as 16:00 horas do día 3 de decembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da Avenida da Coruña xa que os veciños denuncian ruídos molestos que proveñen dunha vivenda. Os axentes comproban como se escoita música en ton moi elevado que perturba o descanso da veciñanza, identificando ao seu responsable que manifesta que cría que non había ningún veciño no edificio, sendo requirido para que cesen as molestias, o que fai ao instante, levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Un dos veciños levaba no seu colo un bebé de moi curta idade, o cal manifestou as súas queixas polo volume de música tan alto.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 19:35 horas do día 4 de decembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á Carballeira da avenida de Fingoi xa que ao parecer había unha moza cunha forte intoxicación etílica. Os axentes trasládanse ao lugar, en compañía dunha ambulancia do 061, atopando a unha moza inconsciente, tombada no banco dunha das mesas, acompañada por outros tres mozos, os cales manifestaron que consumira gran cantidade de alcol, comprobando que tiña 13 anos de idade. Os axentes acompañan á ambulancia e localizan aos pais da menor, informándolles dos feitos e para que se despracen ao HULA onde ía ser trasladada a moza, procedendo á súa identificación unha vez chegaron ao centro hospitalario.

Condutas incívicas

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo levantaron dúas actas de denuncia a dous mozos por infracción á Lei de Residuos de Galicia, ao ser sorprendidos ouriñando contra a porta do Museo Universitario A Domus do Mitreo da Praza Pío XII, un deles, e ao outro nas escaleiras que comunican a Praza de Santa María coa Praza Maior. Ambos os mozos foron propostos para sanción de ata 900 euros.

Noticias relacionadas