Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 17 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Auxilio a cidadáns

Durante a mañá do sábado día 15, os membros da Unidade Territorial de Policía de Barrio prestaron auxilio a unha persoa que se caeu no seu domicilio e era incapaz de levantarse. Segundo a información achegada pola esposa do home, este escorreuse da cama e acabara tendido no chan, á beira da mesma e, aínda que non sufría ningún tipo de lesión, non era capaz de regresar á cama nin axudado pola súa muller. Os axentes prestaron o auxilio necesario para levantar ao home, deixándoo no seu lugar de descanso.

Durante a mesma mañá tamén prestaron auxilio a unha persoa que deambulaba desorientada  pola rúa Monte Faro.

O sábado pola noite, sobre a 1’50 horas, unha patrulla de Policía de Barrio presta os primeiros auxilios a unha persoa que se atopa tendida sobre a beirarrúa, presuntamente baixo os efectos do alcol, sendo necesario requirir a presenza dunha ambulancia do 061, que posteriormente procede ao seu traslado ao HULA.

O domingo pola tarde, a Sala do 092 recibe aviso de que unha persoa que se atopa no interior do seu domicilio responde as chamadas que lle realizan desde o exterior, pero non é capaz de abrir a porta, polo que se comisiona no lugar unha patrulla de Policía de Barrio.

Despois das xestións oportunas, comparece no lugar un familiar desta persoa coas chaves da vivenda, podendo acceder os axentes ao interior do domicilio, acompañados dos Servizos Sanitarios, comprobando que a persoa en cuestión atopábase sentada na cama e desorientada, polo que recibiu a asistencia necesaria.

Discusión en vía pública

O venres pola tarde, sobre as 20’15 horas, recibiuse información na Sala do 092 sobre unha forte discusión entre varias persoas en cálea Orquídea. De inmediato se comisionan no lugar varios indicativos, que proceden á identificación das partes implicadas, comprobando que se trataba dun discusión entre unha parella e a exparella da muller, durante a cal este último chegara a suxeitar pola lapela á actual parella da muller, aínda que sen que chegase a haber agresión física, polo que ningún deles desexaba presentar ningún tipo de denuncia.

Caída de carga de camión sobre a vía pública

Durante a tarde do venres 14, foi necesario destacar unha patrulla de Policía de Barrio na  Avd. Benigno Rivera, onde un camión perdera parte da súa carga de compost sobre a vía pública. Os axentes víronse na obrigación de cortar un carril de circulación durante 45 minutos, ata que o Servizo de Bombeiros finalizou a limpeza da zona, quedando a calzada en condicións de ser utilizada coa seguridade necesaria.

Control de velocidade

Durante a mañá do sábado 15, a Unidade Territorial de Policía de Barrio levou a cabo un control de velocidade na Avd. Benigno Rivera, en dirección á A6, controlando un total de 450 vehículos, dos cales 15 foron denunciados por exceder a velocidade máxima autorizada.

As infraccións captadas varían entre os 65 e os 77 quilómetros por hora, nunha zona limitada a 50 km/h, conlevando sancións entre os 100 e os 300 euros, acompañándose estas últimas da retirada de 2 puntos do permiso de conducir.

Control cumprimento normativa Covid / Establecementos

Durante a noite do sábado ao domingo, ás 4’30 horas, varios indicativos de Policía de Barrio foron comisionados na Praza de Augas Férreas, desde onde se recibiu aviso dunha pelexa entre varias persoas.

Unha vez no lugar, os axentes procederon á identificación de 8 persoas que se atopaban reunidas e, aínda que manifestaban a existencia dalgún altercado, ningunha delas desexaba presentar ningún tipo de denuncia. Procedeuse á incautación dunha navalla que se achou tirada nas inmediacións do grupo mentres se procedía ao cacheo dos implicados.

Os policías confeccionaron oito actas - denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, xa que as oito persoas atopábanse infrinxindo a prohibición de reunións entre non conviventes entre as 3’00 e as 6’00 horas.

Durante a mesma noite, os axentes confeccionaron outras catro actas, por igual motivo ao anterior, ao sorprender a un grupo de persoas no interior dun local de hostalería, situado na Rúa Nova, sendo as 5’15 horas.

Durante a fin de semana, procedeuse a denunciar a dous locais de hostalería, un situado na rúa Río Lor e outro na Rúa Nova, por atoparse abertos ao público fose do horario máximo establecido.

Intervención de droga

Durante a noite do sábado ao domingo, sendo as 2’45 horas, unha patrulla de Policía de Barrio observa que un vehículo circula pola Praza de Augas Férreas sen iluminación, motivo polo cal proceden a darlle o “alto”, comprobando como o condutor lanza polo portelo un envoltorio plástico, o cal é inmediatamente localizado e recolleito polos axentes, tratándose dunha bolsa plástica contendo unha substancia en po, de cor branca, presumiblemente cocaína, polo que se procede á súa incautación, confeccionando unha acta-denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por tenencia ou consumo de drogas na vía pública.

Alcoholemias /  Filtros Seguridade viaria

Durante a noite do venres ao sábado, ao ter coñecemento da celebración dunha “quedada” de vehículos no Polígono Industrial das Gándaras, organizouse un dispositivo de vixilancia, durante o cal os axentes observaron e denunciaron varias infraccións de seguridade viaria, entre as que se destacan unha por condución temeraria, por circular a unha velocidade notoriamente superior á máxima permitida, adiantando aos demais vehículos con risco para os mesmos; e outra por non ceder o paso aos automóbiles que ocupan a circulación xiratoria nunha glorieta ao internarse na mesma.

Ás 2’55 horas da noite do venres ao sábado, unha patrulla de Policía de Barrio observa a circulación irregular dun vehículo pola rúa Armando Durán, procedendo a deter a súa marcha, comprobando que o condutor presentaba signos de acharse baixo a influencia do alcol, polo que os axentes da Unidade de Atestados realízanlle as probas de detección regulamentarias, nas que lanza resultados de 0’92 e 0’88 mg/ L, motivo polo cal se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria e procédese á inmobilización do automóbil.

Durante a mesma noite, unha patrulla da Policía Nacional observa como un turismo realiza un xiro indebido nas inmediacións da Avd. de Ramón Ferreiro con Mariña Española, polo que proceden a darlle o “alto”, requirindo a presenza da Unidade de Atestados para realizar as probas de alcoholemia, nas que lanza resultados de 0’45 e 0’46 mg/ L, motivo polo cal se confecciona a correspondente denuncia administrativa.

Os axentes da Unidade de Atestados, ademais, instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, xa que corroboraron que o condutor carecía de permiso de conducir, investigando tamén ao titular do vehículo, xa que lle acompañaba no asento do copiloto, como  cooperador necesario.

Durante a noite do sábado ao domingo, os axentes de Policía de Barrio sorprenden a un condutor sen iluminación pola Praza de Augas Férreas, lanzando un resultado nas probas de alcoholemia de 0’52 mg/ L, motivo polo cal é denunciado administrativamente. Ademais, os axentes da Unidade de Atestados, instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, xa que o individuo negouse a someterse ás probas de detección de drogas.

Máis tarde, na mesma noite, levan a cabo as probas a un condutor na  Avd. de Madrid, con resultado de 0’60, e a outro na rúa San Roque, con resultado de 0’49 mg/ L. En ambos os casos confeccionouse a correspondente denuncia administrativa.

Os tres vehículos afectados foron inmobilizados.

Xa na noite do domingo ao luns, procedeuse á denuncia dun suxeito que conducía pola rúa Rafael de Vega, lanzando nas probas de alcoholemia resultados de 0’65 mg/ L.

Na mesma noite, e a requirimento de Policía Nacional, os axentes de Atestados practicaron as probas de alcol a outro condutor, que lanzou resultados de 0’87 e 0’85 mg/ L, polo que se instrúen dilixencias por un presunto delito, polo procedemento de xuízo rápido.

Noticias relacionadas