Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 11 ao 13 de febreiro 2022.

Luns, 14 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Condutas incívicas

Na noite do sábado 12 ao domingo 13 de febreiro, por efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceuse un dispositivo especial no centro histórico para combater condutas incívicas, levantándose 19 actas de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia ao sorprender a outros tantos mozos OURIÑANDO NA VÍA PÚBLICA, propoñéndose sanción para cada un deles de ata 900 euros.

Destes 19 mozos denunciados, 15 eran homes e 4 mulleres e as idades oscilan entre 20 anos, o máis novo e 37 anos a persoa de máis idade denunciada por estes actos incívicos.

Os lugares onde foron sorprendidas estas persoas son: • Praciña da Universidade • Pío XII • Clérigos • Deán Fernández Varela • Travesía do Miño, nas inmediacións da fonte da Porta do Carmen.

Así mesmo foi denunciado un mozo de 28 anos por lanzar un vaso de cristal fronte á Catedral, rompéndose e quedando os cristais esparexidos polo chan, levantándose acta por infracción á Lei de Residuos de Galicia, propoñéndose sanción de ata 900 euros.

Delitos contra a seguridade viaria

Ás 20:50 horas do día 12 de febreiro un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á rúa Santo Graal xa que se produciu un accidente de circulación entre dous vehículos, resultando con danos materiais e un ferido leve. Os condutores son sometidos ás probas de detección alcohólica, lanzando un deles un resultado POSITIVO de 0,56 mgl, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Ás 10:30 horas do día 13 de febreiro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta a condución irregular dun vehículo polas rúas Rei Chiquito, Mar Cantábrico e Santo Graal, onde é interceptado, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,84 mg/l, sendo conducido á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias, como investigado, por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, quedando o vehículo inmobilizado.

Sobre as 20:45 horas do día 13 de febreiro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio detecta a circulación irregular dun vehículo pola rúa Santo Graal, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,63 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Sobre as 2:45 horas do día 14 de febreiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo pola Avenida de Ramón Ferreiro, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,34 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Así mesmo este condutor foi sometido a un test de drogas resultando POSITIVO, sendo denunciado por conducir tendo presenza de drogas no organismo con sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Ruídos en interior de vivendas

Ás 23:20 horas do día 12 de febreiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da rúa Luís Ameijide xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda que lles imposibilita o descanso.

Os axentes comproban que se escoita música en ton alto polo que se identifica ao seu responsable, manifestando que non era consciente das molestias que ocasionaba, apagando de inmediato o equipo de música e levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 00:55 horas do día 13 de febreiro unha patrulla acode a un edificio da rúa Milagrosa xa que os veciños denuncian ruído molesto que provén dun piso, que imposibilita durmir. Os axentes comproban que se escoita música en ton excesivo proveniente dun equipo de música, identificando ao responsable que manifesta que non era consciente das molestias, desculpándose e apagando o reprodutor musical e levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Intervención con menores

Sobre as 21:15 horas do día 11 de febreiro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo observa que no xardín que bordea a fonte da praza Fonte do Rei hai varias pezas de vestir e dous pares de zapatos tirados na herba. Así mesmo observan que no interior da fonte hai dúas nenas de 10 e 12 anos descalzas e cos pantalóns mollados, manifestando que se introduciron na fonte para sacar fotos e subilas ás redes sociais.

Os axentes localizan aos pais que manifestan que deixaron ir ás nenas ao parque da Praza Matías Bernal e ao non velas estaban preocupados buscándoas, sendo entregadas polos axentes e quedando ao coidado da súa familia.

Noticias relacionadas