Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 14 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Intervención de substancia estupefaciente e condutas incívicas

  • Ás 1:15 horas do día 14 de xaneiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo observa como na Praza de Pío XII un mozo envorca unha substancia que se achaba nunha pequena bolsa, un po de cor branca, posiblemente cocaína, sobre o seu teléfono móbil para poder consumila, sendo identificado e procedendo á intervención da devandita substancia, que o propio identificado manifesta que é cocaína.

O mozo presentaba signos de acharse baixo a influencia das drogas pois se mostraba inquieto, nervioso e coas pupilas dilatadas, manifestando consumir dita substancia con anterioridade. Levántase acta de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, propoñéndose sanción de 601 a 10.400 euros.

  • Así mesmo na devandita praza, sobre as 1:40 horas, foi sorprendida unha moza de 17 anos ouriñando na vía pública, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia, propoñéndose sanción de ata 900 euros.
  • Tamén nas rúas Camiño Real e Avenida da Coruña foron detectados senllos cidadáns que transitaban a pé sen facer uso da máscara de protección obrigatoria, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia.

A persoa denunciada en Camiño Real, ao non portar identificación algunha, tivo que ser trasladada a dependencias policiais para a súa plena identificación e así cursar debidamente a denuncia por estes feitos.

Ruídos en interior de vivenda

Sobre as 2:55 horas do día 14 de xaneiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da Ronda das Fontiñas xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda que lles imposibilita o descanso.

Os axentes escoitan voces e berros en ton moi alto que perturban o descanso dos veciños, procedendo á identificación da responsable, que estaba na vivenda en compañía doutras cinco persoas, non sendo conscientes das molestias xeradas, sendo requirida para que cesen na actividade, o que fan ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Controis de alcoholemia

Durante o día de onte 13 de xaneiro, por parte de efectivos da Policía Local de Lugo establecéronse novos controis de alcoholemia en vías do centro urbano, detectando un vehículo que circulaba pola rúa Río Narla de forma irregular, observando que o condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,72 mg/l., sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias, en calidade de investigado, por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Ás 00:35 horas do día 14 de xaneiro dáse o “alto” a un vehículo nun control establecido na rúa Xosé Fernández Núñez, sendo sometido o condutor ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,30 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Ás 4:00 horas do mesmo día unha patrulla de Policía Nacional require a presenza dunha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo para a realización das probas de alcoholemia ao condutor dun vehículo detectado na rúa Santiago, lanzando un resultado POSITIVO de 0,84 mg/l., sendo trasladado á Unidade de Atestados da Policía Local onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

En todos os casos procedeuse á inmobilización dos vehículos.

Noticias relacionadas