Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 7 ao 9 de xaneiro

Luns, 10 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Durante as noites do venres e sábado, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizaron diversos controis de alcoholemia en vías do centro urbano, co seguinte resultado:

  • Ás 0:35 horas do día 8 de xaneiro detéctase a condución irregular dun vehículo pola Rolda da Muralla. Unha vez identificado o condutor compróbase a través das bases de datos policiais que CARECE DE PERMISO DE CONDUCIÓN, polo que é trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias como investigado por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, procedendo á inmobilización do vehículo. Este condutor enfróntase a unha pena de prisión de 3 a 6 meses, multa ou traballos en beneficio da comunidade.
  • Ás 3:45 horas do mesmo día unha patrulla policial camuflada observa na Rolda da Muralla a condución irregular dun vehículo, cuxo condutor presenta signos de acharse embriagado, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,61 mg/l.
  • Ás 4:00 horas do mesmo día outra patrulla detecta a circulación irregular dun vehículo que zigzaguea na Ronda das Fontiñas e unha vez detido obsérvase que o condutor presenta signos de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, realizándose as correspondentes probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 0,56 mg/l.

Nos dous últimos casos ábrese expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución a cada condutor.

  • Ás 1:50 horas do día 9 de xaneiro, unha patrulla camuflada do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo pola rúa Galicia, presentando os condutor signos de inxerir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,42 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.
  • Ás 2:30 horas do mesmo día outra patrulla detecta a circulación irregular dun vehículo pola rúa Primavera, comprobando que o condutor achábase embriagado, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,84 mg/l (triplicaba a taxa máxima establecida), sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias, como investigado, por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.
  • Ás 4:20 horas, na mesma rúa, detéctase a circulación dun vehículo cuxo condutor se acha embriagado, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,54 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.
  • Ás 3:20 horas do día 10 de xaneiro obsérvase na rúa dos Gardas un vehículo que zigzaguea dun lado a outro da calzada, comprobando que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,47 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, procedendo á inmobilización do vehículo.

Condutas incívicas e control do lecer nocturno

Durante as noites do venres e sábado estableceuse un dispositivo especial na contorna da Catedral, sorprendendo a 7 mozos que ouriñaban na vía pública, concretamente:

  • 3 nos muros da Catedral
  • 1 na rúa do Moucho
  • 1 na rúa Falcón
  • 2 na travesía Deán Fernández Varela

A todos eles propúxose para sanción de ata 900 euros. Así mesmo inspeccionáronse varios locais de lecer nocturno situados no recinto histórico, levantándose as seguintes actas de infracción:

  • 4 actas de denuncia por infracción á Lei de Espectáculos públicos e Actividades recreativas de Galicia por incumprir, o titular do establecemento, a obrigación de contar con persoal habilitado encargado do control de acceso.
  • Acta denuncia por infracción á normativa de Seguridade Social ao detectar nun local de lecer nocturno un traballador que non presenta contrato de traballo ou xustificante da relación laboral do pagador co traballador.
  • Acta denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao detectar no interior dun local de lecer nocturno clientes consumindo en barra e sen asentarse as filiacións no libro rexistro correspondente, nin posuír ou mostrar o correspondente certificado COVID.

Tamén se levantou acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao sorprender a un mozo que se achaban no exterior dun local de hostalería sen facer uso da máscara e acceder posteriormente ao local, continuando sen facer uso da mesma.

Agresión en vía pública

Sobre as 3:45 horas do día 8 de xaneiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á rúa Rei Don García xa que os veciños quéixanse de que unha persoa está a realizar chamadas nos porteiros automáticos. Os axentes observan a unha parella xunto a un coche da súa propiedade e á beira outro mozo, en aparente estado de embriaguez, tremendo e queixándose de dor na cabeza. Realizadas as investigacións oportunas, testemuñas do feito manifestan aos policías que o propietario do vehículo agredira a este mozo, pateándoo no chan. O presunto agresor manifesta que o agredido lle golpeara o seu vehículo polo que descendeu del e propinoulle unha puñada. Os axentes proceden a requirir a presenza dunha ambulancia para o traslado do ferido ao HULA para unha mellor valoración facultativa. Procédese á identificación de todas as persoas participantes na liorta e as testemuñas, realizando parte de intervención á espera da presentación da correspondente denuncia para dar coñecemento destes feitos á Autoridade Xudicial. Así mesmo comprobouse que o vehículo carecía de Seguro Obrigatorio de Automóbiles polo que se abre expediente sancionador con multa de 1.500 euros.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 00:55 horas do día 9 de xaneiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da Rolda da Muralla xa que unha persoa mostra a súa preocupación, xa que está a chamar a un familiar ao seu teléfono móbil e á porta da súa vivenda e non contesta as chamadas, temendo que lle puidese pasar algo grave xa que é de avanzada idade. O requirente manifesta que un familiar seu áchase dentro da vivenda e aínda que ten chave non pode acceder ao interior xa que a porta atópase pechada con chave dentro da fechadura. Para comprobar o estado desta persoa accédese ao interior do piso, comprobando que o familiar, un home de 80 anos, atópase durmindo na súa habitación, en perfecto estado, coa televisión acesa e co móbil en silencio e aínda que fora requirida a presenza dunha dotación do 061 non foi necesaria a súa intervención.

Noticias relacionadas