Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 06 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Sobre as 4:00 horas do día 6 de outubro a Sala do 092 recibe chamadas de veciños da rúa Catedral denunciando o volume excesivo de música que provén dun local de lecer nocturno situado nos baixos dun inmoble.

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo desprázanse ao lugar comprobando que se escoita desde a vía pública música en ton moi alto, tendo as portas abertas, accedendo ao interior e identificando ao responsable ao que se lle ordena que desconecte a música xa que debido ao seu volume era difícil manter unha conversación.

Realízase unha inspección e detéctase que o equipo de reprodución musical carece de sonógrafo e que tamén carece de información sobre o aforo do establecemento, procedendo ao seu desaloxo xa que non consta que o establecemento teña o nivel de dúas “conchiñas”, que lle habilitaría para ter como límite de peche ás 4:00 horas, rexéndose por tanto co nivel xeral cuxo horario de peche vén establecido para as 3:00 horas.

De todas as condutas irregulares detectadas levántase acta de denuncia por infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas e á Lei de Saúde de Galicia.

Ruídos en interior de vivenda

Sobre as 00:45 horas do día 5 de outubro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da rúa Montirón xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda.

Os axentes comproban que se trata de ruídos molestos producidos por actividade humana (conversación en ton moi alto) polo que identifican ao responsable, o cal manifesta que non era consciente das molestias que ocasionaba, sendo requirido para que cesen, o que fai ao instante.

Rescate dun gato

Na mañá do día 4 de outubro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se trasladase á Rolda das Mercedes xa que un animal quedara atrapado nun vehículo. Os axentes comproban que se trataba dun gato que estaba atrapado no motor dun coche estacionado, polo que localizan á súa propietaria, que tras abrir o capó, fixo posible liberar ao animal, do cal se fixo cargo a requirente do servizo.

Noticias relacionadas