Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 05 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención por violencia de xénero

Sobre as 16:45 horas do día 4 de novembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da Rolda Xosé Castiñeira xa que desde unha vivenda escóitanse berros de “auxilio” dunha muller.

Dúas patrullas acoden de inmediato ao devandito lugar e revisan as plantas do edificio, escoitando detrás da porta dunha vivenda o que parecen saloucos dunha muller, polo que tras chamar ao piso esta ábrelles a porta, presentando o rostro ensanguentado e un corte no beizo, observando que ten cravado na parte superior do padal un anaco dunha peza dental e rotas diversas unllas das mans, moi nerviosa, alterada e ansiosa, manifestando inicialmente aos axentes, con múltiples incoherencias, que esas feridas as producira ela mesma tentando saír dunha das habitacións.

Os policías realizan unha inspección da vivenda, observando que está moi revolta, con claros signos de actos violentos, atopándose fracturadas portas das habitacións e non achando a ninguén no interior, manifestando que vive coa súa parella que nestes momentos non se atopa na vivenda.

Os axentes solicitan información dos veciños que refiren que as pelexas e berros son frecuentes, acudindo ao lugar unha amiga da vítima que viña axudala pois mantivera unha conversación telefónica con ela minutos antes.

Nestes momentos a vítima sofre un desmaio sendo auxiliada polos axentes, requirindo unha ambulancia do 061 para o seu traslado ao HULA, sendo acompañada por unha dotación policial. No Hospital preséntase a parella desta muller, un home de 29 anos, o cal presenta un corte na man esquerda, un corte no cotobelo da devandita man e rabuñaduras na cella, feridas todas elas recentes xa que algunha aínda se atopaba sangrando, manifestando que se producira as lesións traballando, sen dar máis explicacións.

Por todo o relatado e ao existir evidentes indicios dun delito de violencia de xénero, é polo que se procede á detención do home, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para a súa remisión ao Xulgado correspondente.

Noticias relacionadas