Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante os días 29 de outubro ao 1 de novembro.

Martes, 02 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Inspeccións en establecementos de hostalería.

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo levantaron actas de denuncia por diversas infraccións detectadas nos seguintes locais de hostalería:

  • 2:20 horas do día 31 de outubro.

Realízase inspección a un local de hostalería situado na Rolda Xosé Castiñeira, detectando que a pesar de ter licenza do Grupo I, que lle prohibe a utilización de equipos de reprodución musical, utilizaba un equipo musical composto por un computador portátil, un amplificador e diversos altofalantes colocados polo establecemento, levantando acta de denuncia por infracción á normativa reguladora de espectáculos públicos e actividades recreativas. Así mesmo foi denunciado por infracción á Lei de Saúde de Galicia por incumprir o horario de peche establecido para as 1:30 horas, habendo no interior do local unhas 25 persoas consumindo bebidas, tendo en funcionamento o equipo de música, sen contar coa preceptiva autorización administrativa. Así mesmo os axentes proceden á identificación da responsable do establecemento, identificando a unha camareira e cando procedían a identificar a unha segunda camareira as compañeiras manifestan que se marchou, pero comproban que seguía no interior do local, escondida no cuarto de limpeza. Os axentes comproban que esta persoa achábase traballando de forma irregular, levantando acta denuncia por infracción á Lei de Seguridade Social para o seu traslado á Inspección de Traballo.

  • 2:15 horas do día 1 de novembro.

Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo que se achaba de patrulla a pé pola Rúa Nova escoita ruídos de xente no interior dun local de hostalería, falando en ton moi elevado, cando o local debería estar pechado ás 1:30 horas. Os axentes comproban que a porta estaba pechada e a través dos cristais conseguen ver a un grupo de persoas consumindo bebidas, sentados nas mesas e conversando entre si. Ao chamar á porta para realizar unha inspección, cesan os ruídos, apáganse as luces e non abren a porta de entrada, polo que se volve a requirir para que abran a porta, advertindo ao responsable que a súa conduta podería carrexar graves sancións. Pasados quince minutos, o responsable do local abre a porta de entrada e manifesta aos axentes que está só, realizando os policías unha inspección do establecemento.

Os axentes descobren, detrás da barra, unha porta no chan que dá acceso ao soto e tras abrila polo responsable, descóbrese escondidos a SETE clientes, tratando de ocultarse nun lugar de reducidas dimensións, cuxo acceso se realiza por unha escaleira vertical, sendo todos eles desaloxados e identificados, levantándose actas de denuncia por infraccións graves á normativa de espectáculos públicos ao non colaborar no labor inspector, por infracción á Lei de Saúde de Galicia por incumprir o horario de peche e por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá por desobediencia aos axentes da autoridade.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 3:10 horas do día 30 de outubro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta que pola Avenida da Coruña camiña un home con claros signos de intoxicación etílica. Os axentes proceden a auxiliar a esta persoa, de 61 anos, comprobando que tiña unha brecha na cella e sangue na cara e nas mans, manifestando que se caeu e que debido á embriaguez que presentaba non lembraba nada máis, solicitando os axentes un ambulancia do 061 sendo trasladado ao HULA.

Sobre as 17:30 horas do día 30 de outubro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, presente nas inmediacións do Estadio Ángel Carro, con ocasión do dispositivo policial do partido de fútbol entre o CD Lugo e o Sporting de Xixón, é informada de que un afeccionado deste último equipo, cando se dirixía ao campo, desde o Paseo da Fábrica da Luz pola escalinata que accede ao estacionamento, esborrállase pola pendente cara á parte inferior, desde unha altura duns tres metros, golpeándose coa cabeza contra o bordo da vía. Os axentes auxilian a esta persoa de 47 anos, o cal presentaba unha forte intoxicación etílica, sendo atendido por unha dotación sanitaria do 061 e trasladado posteriormente ao HULA.

Sobre as 5:35 horas do día 31 de outubro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a un inmoble da rúa Río Oribio xa que ao parecer un home de avanzada idade está a pedir auxilio. Os axentes manteñen unha conversa con esta persoa a través da porta de entrada ao domicilio, solicitando a presenza dunha dotación de Bombeiros, accedendo a través dunha terraza, atopando a esta persoa de 87 anos, tirado e espido de cintura para abaixo, manifestando que non podía levantarse e queixándose dunha forte dor na zona lumbar, sendo asistido pola dotación sanitaria do 061 e traslado a un centro médico para a súa atención.

Ás 7:30 horas do día 31 de outubro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode a unha vivenda da rúa San Xosé xa que unha persoa maior caera da cama e un familiar non era capaz de levantalo. Os axentes auxilian a esta persoa de 86 anos, incorporándoo e deitándoo na cama, rexeitando asistencia sanitaria e quedando ao coidado do familiar.

Sobre as 2:35 horas do día 1 de novembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da rúa Río Narla xa que unha persoa caera no interior do seu domicilio e era incapaz de levantarse. Os axentes auxilian a esta persoa, incorporándoa, manifestando que se acha en bo estado e rexeita asistencia sanitaria, quedando ao coidado dunha familiar.

Ruídos en interior de vivendas

Sobre as 1:45 horas do día 30 de outubro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a un edificio da rúa Armórica xa que a veciñanza denunciara ruídos que proveñen dunha vivenda. Os axentes comproban que no baixo do edificio, cuxa porta se achaba aberta, había un grupo de mozos celebrando uns aniversarios, manifestando que non eran conscientes das molestias que ocasionaban, identificando ao responsable, sendo requiridos para que finalice a actividade, o que fan ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Condutas incívicas

Na madrugada do sábado 30 ao domingo 31 de outubro, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo sorprenderon a CATRO rapaces ouriñando contra a Catedral, levantándose actas de denuncia por infracción á normativa galega de residuos, propoñéndose sanción de ata 900 euros para cada un deles.

Intervención da Unidade de Atestados en accidentes de circulación ocorridos no centro urbano

Día 29.

  • 8:00 horas. Accidente de circulación na confluencia das rúas Pontevedra con Castro Gil. Un dos turismos non respecta o sinal de “stop” e choca con outro vehículo que circula por vía preferente e aquel, coa forza do impacto, realiza un xiro de 180 graos e choca contra un turismo estacionado. Ademais de danos materiais resultaron feridos leves o acompañante dun dos vehículos e a condutora do outro.
  • 9:00 horas. Accidente de circulación na rúa da Industria coa rúa do Vidro. Un dos vehículos non respecta a preferencia de paso. Prodúcense danos materiais.
  • 12:00 horas. Accidente de circulación en Rolda Fontiñas. Un vehículo ao realizar un cambio de sentido choca contra uns palets que fan de protección da terraza dun bar situada na zona de estacionamento. O condutor, compróbase a través das bases de datos policiais, que non ten ningún permiso de conducir vixente ao non realizar o curso de reeducación, por suspensión xudicial inferior a dous anos polo que se abre expediente sancionador.
  • 14:30 horas. Accidente de circulación na rúa das Artes con Paseo dos Estudantes. Dous vehículos implicados como consecuencia de que un deles non respectou o sinal de “stop”. Resultou ferida leve unha acompañante dun dos vehículos que foi trasladada a un centro médico para a súa valoración.
  • 15:20 horas. Accidente de circulación na Avenida Benigno Rivera. Implicados dous vehículos como consecuencia da realización da manobra de marcha atrás. Danos materiais.
  • 19:45 horas. Accidente de circulación en Av. Benigno Rivera. Accidente por arremetida frontolateral entre dous vehículos nunha glorieta. Prodúcense dous feridos leves que son trasladados a un centro médico.
  • 20:50 horas. Accidente de circulación na Avenida de As Américas. Dous vehículos implicados. Danos materiais.
  • 22:15 horas. Atropelo na rúa Portugal. Un turismo atropela a un peón de 18 anos cando cruzaba por un paso habilitado, sendo trasladado por unha ambulancia ao HULA.

Día 30.

  • 5:15 horas. Realización de probas de alcoholemia ao condutor dun vehículo que circulaba pola rúa Catasol con signos de embriaguez. Lanzou resultado POSITIVO de 0,62 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.
  • 12:00 horas. Accidente de circulación na intersección de Rafael Dieste con Estrada da Granxa onde un vehículo non respecta o sinal de “stop” e choca contra un turismo, causando danos materiais.
  • 4:05 horas. Detéctase a condución irregular dun turismo cuxo condutor lanza un resultado POSITIVO de 0,38 mg/l nas probas de detección alcohólica ás que foi sometido, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Día 31.

  • 10:50 horas. Accidente de circulación na Avenida da Coruña ao ocasionar danos un turismo a outro que se achaba debidamente estacionado.
  • 15:50 horas. Saída de vía na rúa Santiago (Volta da Viña). Un turismo causou danos a un bolardo de titularidade municipal.

Día 1.

  • 16:50 horas. Accidente de circulación na glorieta da Avenida Infanta Elena coa vía de acceso á Rolda Norte. Dous vehículos implicados. Danos materiais.

Noticias relacionadas