Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 01 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Intervención da Unidade de Atestados en accidentes de circulación ocorridos no centro urbano o día 30

  • 12:20 horas. Atropelo na Avenida da Coruña. Unha viandante é alcanzada por un vehículo cando cruzaba a vía por un paso de peóns. É evacuada nunha ambulancia do 061 ao servizo de urxencias do HULA. Non aparentaba presentar feridas de gravidade.
  • 13:15 horas. Accidente de circulación na rúa dos Transportes entre dous vehículos ao non respectar un deles un sinal de ceda o paso. Ademais de danos materiais prodúcense lesións á condutora e dúas viaxeiras dun dos vehículos, as cales son atendidas pola dotación sanitaria dunha ambulancia, xa que presentaban molestias nas pernas.
  • 18:10 horas. Accidente de circulación na rúa Illas Canarias. Un turismo non respecta o sinal de STOP e un monopatín que circulaba por esta vía en dirección á Avenida da Coruña, para esquivalo cae na calzada sen chegar a entrar en contacto entre ambos. O condutor do patinete resulta ferido leve e é evacuado nunha ambulancia a un centro médico.
  • 18:25 horas. Atropelo na rúa Pintor Corredoira. Un ciclomotor que circula en dirección a República Arxentina atropela a un peón que cruza a calzada de dereita a esquerda, segundo o sentido da marcha do ciclomotor, resultando tanto o condutor como o peón feridos leves, sendo evacuados nunha ambulancia do 061 ao HULA.
  • 1:00 horas. Accidente de circulación na rúa Mazaira inmediacións da rúa Juana a Tola. Un turismo choca contra unha árbore. Practícanse probas de alcoholemia ao condutor e lanza un resultado POSITIVO de 0,34 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

En todos estes casos os equipos de Atestados da Policía Local de Lugo abren dilixencias.

Vertedura de aceite en vía pública por un vehículo

Sobre as 12:15 horas do día 29 de novembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta na Avenida Adolfo Suárez unha mancha de aceite e combustible, a cal polas condicións meteorolóxicas fai perigosa a circulación. Os axentes requiren os servizos de limpeza, procedendo a sinalizar a zona e regular a circulación, traballando na limpeza da vía tanto Bombeiros como persoal da empresa Urbaser. Ao mesmo tempo inícianse investigacións para a identificación do condutor e vehículo que produciu a vertedura, logrando saber que unha furgoneta ao pasar por un paso de peóns elevado golpeou coa parte baixa na calzada, producindo unha avaría no cárter orixinando a vertedura. Identifícase ao condutor do vehículo e ábrense dilixencias polos danos causados na vía.

Noticias relacionadas