Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 27 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Ás 15:20 horas do día 6 de agosto recibiuse un aviso, na Sala do 092, sobre un vehículo estacionado na rúa San Lorenzo cun can no interior do maleteiro, engadindo que podía levar no lugar varias horas, co sufrimento que iso podía supoñerlle, debido á hora do día e a que, para esa xornada, estimábase unha temperatura ambiental máxima de 38 graos.

No lugar comparece de inmediato unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio, cuxos ocupantes localizan o vehículo, un turismo de pequeno tamaño, estacionado nunha zona de sombra e con varios portelos lixeiramente abertos, a pesar do cal observan que o can que se acha no interior do maleteiro, sen comida nin bebida, atópase visiblemente afectado pola intensa calor.

Os policías conseguen abrir unha das portas do vehículo, sen causar danos no mesmo, e sacar ao animal ao exterior, onde mostra dificultade para manterse en pé e unha respiración notoriamente axitada.

No momento no que os axentes se dispoñían a xestionar asistencia veterinaria para o can, no lugar preséntase quen di ser o seu dono, manifestando que deixara alí ao animal para facer varios recados e que non fora consciente do tempo que pasara.

Debido a todas as circunstancias concorrentes o propietario do animal foi denunciado por unha infracción á Lei 4/17, de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, que cualifica como infracción grave os “malos tratos aos animais que lles cause dor, sufrimento, lesións ou danos non incapacitantesnin irreversibles”, castigada cunha sanción económica entre 501 e 5.000 €; podendo carrexar tamén, como sanción accesoria, o comiso do animal e a prohibición para a tenencia de animais de compañía por un período entre un e cinco anos.

Debido a que quen se identificaba como propietario do animal manifestaba estar en posesión de toda a documentación preceptiva, aínda que non a levaba consigo, os axentes danlle un prazo prudencial para que poida achegala e incorporala así ao expediente en confección.

Pasado devandito prazo sen que o interesado acudise á Xefatura da Policía Local e sen que respondese a posteriores requirimentos telefónicos dos policías actuantes, tras a consulta dos correspondentes rexistros e bases de datos, tanto da administración local como da administración autonómica, os axentes confeccionan denuncia por infracción á Lei 4/17, por non fornecer os datos e información necesaria requirida polos axentes da autoridade.

Tendo en conta que, segundo as indagacións dos policías, o animal pertence a unha das razas catalogadas legalmente como potencialmente perigosa, tamén se confeccionan denuncias por infracción á Lei 50/1999, sobre Réxime Xurídico de Tenencia de Animais Potencialmente Perigosos, por ter un can potencialmente perigoso sen licenza municipal (cualificada como infracción leve, con sanción económica entre 150’25 ata 300’51 euros) e por omitir a inscrición do animal no Rexistro Municipal de Cans Potencialmente Perigosos (cualificada como infracción grave, con sanción económica entre 300’52 e 2.404’05 euros).

Incumprimentos medidas preventivas por COVID-19

Durante o día 27 de agosto, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, do Grupo Operativo Nocturno e da Unidade de Atestados, procederon á confección de sete actas - denuncia por non facer uso da máscara obrigatoria.

Tres delas confeccionáronse na rúa Serra de Ancares, nun grupo de 15 persoas que permanecían na vía pública cun aparello reprodutor de música, polo que se recibiron queixas veciñais.

Outros tres incumprimentos producíronse na Praza Maior e na rúa Tino Grandío.

Por último, tamén foi denunciado o condutor dun turismo que, tras sufrir un accidente de circulación (saída de vía), do que resultaron danos materiais, negouse a cumprir os requirimentos dos policías actuantes sobre o uso da máscara xa que, a pesar de que inicialmente a poñía, aos poucos instantes a volvía retirar, repetindo isto en varias ocasións.

Este último suxeito foi tamén denunciado por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, debido á conduta observada polos axentes e ás frases ameazantes e despectivas dirixidas cara aos mesmos.

Auxilio a peregrina desorientada

Ás 4:00 horas do día 27 de agosto, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno, é requirida por unha muller que transita pola rúa Bispo Aguirre, a cal manifesta que se atopa facendo o Camiño de Santiago e que, instantes antes, cando estaba en compañía dun home no Parque Rosalía de Castro, ao que coñece dalgunha etapa anterior, perdera o teléfono móbil.

Os axentes acompañan á muller ao lugar do parque onde estivera, sen que lles sexa posible localizar nin o móbil nin ao home que dicía que lle acompañaba, do cal había sospeitas que llo puidese subtraer.

Tras as indagacións oportunas, coa descrición facilitada pola afectada, púidose coñecer a filiación do home, xa que fora denunciado por non facer uso da máscara obrigatoria na Praza Maior, a pesar do cal, ao ter dúbidas sobre se realmente perdera o móbil ou lle podía ser subtraído, a afectada decidiu non presentar denuncia, motivo polo cal se lle acompañou ata o albergue onde dicía acharse hospedada.

Incendio en vivenda

Ás 00:45 horas do día 27, a Sala do 092 comisiona unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno na rúa Chantada, xa que se recibiu aviso de presenza de fume nun edificio.

Unha vez no lugar, os axentes verifican a información, procedendo en primeiro lugar ao desaloxo de dúas persoas de avanzada idade que residen na vivenda de onde presuntamente procede o fume, comprobando posteriormente que xa non hai chamas no interior. Comparece tamén dotación do Servizo de Extinción de Incendios, que realiza as comprobacións propias e o Servizo do 061, que procede ao trasladado dos anciáns afectados ao HULA.

Presunta violencia no ámbito familiar

Ás 13:00 horas do día 26 recibiuse unha chamada telefónica, na Sala do 092, informando de que, nunha vivenda da Rolda de Fingoi, un fillo estaba a agredir á súa nai.

No lugar comparece de inmediato unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio, cuxos compoñentes son recibidos por quen di ser o autor da chamada e pai do menor, aínda que, nese momento, manifesta que simplemente se produciu unha discusión, na que non mediou ningún tipo de agresión.

Os axentes proceden a entrevistarse, de forma reservada, tanto coa nai como co menor, sen que aprecien lesións aparentes en ningún deles, os cales coinciden en que tan só discutiron, motivo polo cal, tras informarlles das xestións que deberían levar a cabo se desexan presentar algún tipo de denuncia, dan por finalizado o servizo.

Localización e precinto de vehículo

Ás 3:00 horas do día 27 de agosto, cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno realiza labores preventivos e de vixilancia pola Ronda das Fontiñas, observa a presenza dun vehículo que comproban que se atopa na base de datos de automóbiles requiridos pola Tesourería Xeral da Seguridade Social para o seu precinto, motivo polo cal é trasladado ao depósito municipal, onde permanecerá precintado ata que o seu propietario regularice a súa situación.

Presuntos delitos contra a seguridade viaria

Ás 9:00 horas do día 26 unha patrulla observa como un turismo fai caso omiso a dous sinais verticais de acceso prohibido, motivo polo cal proceden a deter a súa marcha para denunciar as infraccións observadas. Durante o contacto co condutor púidose comprobar que o mesmo carecía de permiso de conducir, ao perder a vixencia pola perda total de puntos. Os axentes, ademais da confección das correspondentes dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, contactaron de inmediato coa Fiscalía, tendo en conta que puideron pescudar que devandito individuo dirixíase ao Xulgado, á celebración dun xuízo rápido, ás 9:30 horas, no que figuraba procesado polo mesmo motivo.

Ás 5:30 horas do día 27, unha patrulla policial observa a circulación irregular dun turismo pola rúa Otero Pedrayo, motivo polo cal proceden a deter a súa marcha. O condutor é sometido ás probas de alcoholemia (xa que presentaba signos de inxerir alcol) polos axentes da Unidade de Atestados, arroxando resultados positivos de 0’39 e 0’34 mg/l, motivo polo cal se confecciona a correspondente denuncia administrativa.

Ademais, os policías tamén inician dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, xa que o condutor carece do permiso de conducir, ao perder a súa vixencia pola perda total de puntos.

Multimedia

  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas