Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Investigación de delitos contra a seguridade viaria da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo

Martes, 03 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Por parte de membros da Unidade de Atestados de Policía Local de Lugo procedeuse á investigación por dous presuntos delitos contra a seguridade viaria (conducir un vehículo de motor sen obter nunca permiso ou licenza de condución e pola creación dun grave risco para a circulación dos demais usuarios) dun varón de 21 anos, como condutor implicado nun accidente de circulación acaecido o pasado mes de decembro na glorieta de intersección situada entre a avenida Benigno Rivera e a rúa da Agricultura.

A investigación penal sobre o condutor tivo orixe tras un accidente de circulación, cando un turismo, tras saírse da calzada e chocar con bordo anexo, queda inmobilizado no centro da glorieta situada na intersección citada, dándose á fuga o condutor do mesmo en compañía do titular do vehículo, que circulaba como acompañante, sen tomar ningún tipo de medida para sinalizar o obstáculo que supoñía a presenza do vehículo sobre a calzada ou comunicar a incidencia ás forzas de seguridade.

Debido á violencia do impacto, a calzada quedou ademais afectada polo vertido do aceite do motor do vehículo, o que engadiu un plus de perigo para a seguridade viaria do resto de usuarios, obrigando aos axentes que interviron a cortar un dos carrís da calzada e á regulación do tráfico en tanto non se procedeu á neutralización da mancha mediante a intervención do servizo de Bombeiros.

Das investigacións realizadas polos axentes de Atestados durante os últimos dous meses, logrouse a identificación do condutor, constatando que circulaba sen obter nunca permiso ou licenza de condución, sendo investigado así mesmo o seu acompañante e titular do vehículo, de 19 anos, como cooperador necesario, ao autorizar a condución do turismo da súa propiedade coñecendo previamente dita circunstancia.

A maiores da investigación ao condutor pola carencia de permiso de condución, os axentes trasladan á Autoridade Xudicial as circunstancias nas que se abandonou o vehículo, sen sinalizar o obstáculo que creaba sobre a calzada nunha zona con gran densidade circulatoria e nun día no que as condicións meteorolóxicas eran especialmente adversas, con presenza de choiva torrencial, ao que se une a creación dun risco engadido debido á vertedura de substancias escorregadizas procedentes do aceite do motor do vehículo accidentado, por entender que puidesen ser constitutivas dun segundo delito contra a seguridade viaria recollido no art. 385 do Código penal.

Controis de velocidade

Durante o día 2 de marzo, por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo establecéronse diferentes controis de velocidade en vías do centro urbano, utilizando para iso un vehículo policial dotado de cinemómetro. Incidiuse naquelas vías que se detecta un incremento de accidentes de circulación, controlándose 1.944 vehículos e denunciado a 84 condutores por pasar o límite de velocidade establecido. A velocidade máxima detectada foi de 94 km/h nunha vía limitada a 50 km/h o que conleva unha multa de 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de conducir. Das 84 denuncias formuladas 24 carrexan a perda de 2 a 6 puntos do permiso de condución e multa de 300 a 600 euros e, as restantes, multa de 100 euros.

Noticias relacionadas