Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 02 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Delitos contra a seguridade viaria

Ás 23:40 horas do día 28 de febreiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, detecta a condución dun ciclomotor pola Praza Maior. Ao ser parado compróbase que o seu condutor NUNCA obtivera permiso ou licenza de condución. Por tal motivo instrúense dilixencias por un delito contra a seguridade viaria, castigando o Código penal esta conduta con pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de doce a vinte e catro meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días.

Intervención da Unidade de Atestados en accidentes de circulación ocorridos no centro urbano con danos materiais, nesa mesma xornada:

  • 11:00 horas. Accidente de circulación na rúa Rafael Dieste. Dous vehículos implicados. Danos materiais.
  • 14:00 horas. Accidente de circulación na rúa Franco con Montefaro. Dous vehículos implicados. Danos materiais.
  • 16:15 horas. Accidente de circulación en Duquesa de Lugo confluencia con Río Narla. Dous vehículos implicados (debido ao impacto un deles desvíase da súa traxectoria, remonta a beirarrúa e impacta co mastro dun farol de iluminación pública). Danos materiais.
  • 23:10 horas. Accidente de circulación en Alexandre Bóveda. Dous vehículos implicados. Danos materiais.

Por outra banda, o día 29 de febreiro, ás 5:30 horas, un vehículo que circula en sentido contrario pola rúa Mariña Española cara a San Roque choca frontalmente contra outro vehículo que o fai en sentido ascendente. O vehículo que circula en sentido prohibido, unha vez choca, arrastra ao vehículo que circula en sentido regulamentario, fuxindo do lugar, sendo seguido pola condutora deste vehículo que é quen alerta á Sala do 092 e ao chegar á altura de San Roque con Jacinto Calvo choca de novo con outro vehículo, dándose á fuga pola Rampla de Claudio López, Rei don García e Rof Codina onde se encaixa contra dous vehículos estacionados e contra dous edificios. Alí deixa o vehículo e o condutor foxe a pé, quedando no lugar o acompañante. Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, localízao no seu domicilio da Avenida Fontiñas na cama. Practícanse as probas de detección alcohólica e arroxa un resultado POSITIVO de 0,86 mg/l (case catro veces máis do permitido), polo que foi trasladado á Xefatura da Policía Local onde se instrúen dilixencias por un delito contra a seguridade viaria. A condutora foi trasladada ao Hula xa que se queixaba de dor a causa do accidente.

A Policía Local agradece a esta condutora a valentía e decisión que tivo, xa que unha vez produciuse o accidente e foi arrastrado o seu vehículo, seguiu ao turismo que lle causaba os danos e informou do seu percorrido á Sala de Comunicacións do 092.

Ás 7:30 horas do mesmo día un vehículo que circula pola rúa Montirón desvíase da súa traxectoria e choca contra CATRO vehículos estacionados e debido á violencia do impacto o vehículo acaba envorcando na calzada. O condutor foi sometido ás probas de detección alcohólica arroxando un resultado POSITIVO de 0,80 mg/l (supera en máis do triplo a taxa máxima), polo que se instrúen dilixencias por un delito contra a seguridade viaria.

Axuda humanitaria

Ás 17:30 horas do día 28 de febreiro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio acode á Praza Horta do Seminario xa que ao parecer unha muller tiña a perna atrapada entre o banco e a greta dunha parede. Os axentes ao chegar ao lugar observan que a muller se acha tendida no banco coa perna dereita introducida nunha ranura que hai entre o muro e o banco e non era capaz de sacala de alí. Os policías quítanlle a bota e realizan varios movementos logrando liberar a perna da greta da parede. A muller non necesitou atención médica e foi trasladada polos axentes no propio vehículo policial ao seu domicilio.

Intervencións en materia de tráfico

En canto ao dispositivo activado para a detección de vehículos estranxeiros que circulan polo centro urbano con irregularidades, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio observaron a circulación dun vehículo con placa temporal dos Países Baixos caducada, sendo retirado polo guindastre e inmobilizado no Depósito Municipal.

Así mesmo o venres día 28, ao coincidir día de mercado, estableceuse un dispositivo especial de tráfico para o control das zonas de carga e descarga, paradas de transporte público, paradas de persoas con discapacidade, etc., realizándose denuncias por este tipo de infraccións e retirándose co guindastre SEIS vehículos que obstaculizaban a circulación. Igualmente foron detectados DOUS turismos sobre os que pesaba mandamento de procura e captura por embargo, sendo trasladados polo guindastre ao depósito municipal e PRECINTADOS.

Multimedia

  • Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas