Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 26 ao 28 de xuño de 2020

Luns, 29 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Na madrugada do 27 de xuño efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo e o equipo de Atestados deste Corpo, detectaron na Rolda do Carmen a un condutor dun vehículo que circulaba tendo o permiso de conducir retirado por resolución xudicial e ao realizarlle as probas de detección alcohólica arroxou un resultado POSITIVO de 0,58 mg/ l.

Pola condución, tras ser privado do permiso por decisión xudicial, instrúense dilixencias por delito contra a seguridade viaria, enfrontándose o condutor a unha pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de doce a vinte e catro meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días.

Pola proba de alcoholemia o condutor enfróntase a unha multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Filtros de seguridade viaria

Durante a fin de semana, efectivos do Grupo Operativo Nocturno estableceron diversos filtros de seguridade viaria, realizándose controis mixtos de alcoholemia e velocidade, detectándose CINCO POSITIVOS.

A madrugada do venres ao sábado detectouse un condutor ás 4:25 horas con resultado POSITIVO de 0,44 mg/ l.

Na madrugada do sábado ao domingo detectáronse tres condutores. O primeiro ás 2:30 horas, con resultado POSITIVO de 0,53; o segundo ás 4:15 horas, con resultado POSITIVO de 0,58 mg/ l e o terceiro ás 5:25 horas, con resultado POSITIVO de 0,51 mg/ l.

Na madrugada do domingo ao luns detectouse un condutor con resultado POSITIVO de 0,59 mg/ l.

No primeiro dos casos ao condutor abríuselle expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de conducir e nos catro restantes iníciase procedemento sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

En canto á velocidade, controlouse a 261 vehículos, denunciando a 16 condutores por pasar a velocidade máxima establecida para a vía.

A velocidade máis alta detectada foi de 89 km/ h nunha vía limitada a 50 km/ h, o que supón para o condutor unha multa de 400 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Establecementos públicos

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procederon á notificación de varios Decretos a responsables de locais de hostalería por infraccións á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas detectadas nas inspeccións levadas a cabo por efectivos da Policía Local de Lugo, adoptándose as seguintes medidas cautelares:

  • Café bar situado na rúa Río Avia. Imposición de 900 euros de multa e suspensión da actividade e peche.
  • Café bar situado na Rúa Nova. Retirada do equipo de reprodución musical e os seus compoñentes e, en caso de incumprimento, o seu precintado por parte da Policía Local.
  • Café bar sito en Camiño Real. Suspensión da actividade e peche do establecemento.

Así mesmo procedeuse a realizar inspección nun establecemento da rúa Salvador de Madariaga, con categoría de café-bar, levantándose acta por permanecer aberto ao público fóra do horario permitido.

Ruídos molestos en espazo público

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo son comisionados, sobre as 1:00 horas do 28 de xuño, pola Sala de Comunicacións 092 para que acudan ás Costas do Parque Rosalía de Castro xa que segundo chamadas dos veciños estaba a reproducirse música en volume moi alto que impedía o descanso.

Os axentes comproban que se trata dun mozo que utilizando un altofalante portátil conectado por bluethoot ao teléfono móbil reproducía música a moi alto volume. Que ao comprobar que se trataba dun menor de idade, é trasladado ao seu domicilio para proceder á súa identificación completa e informar dos feitos aos seus pais, quedando a cargo da súa nai e levantándose acta de infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas