Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 28 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Accidente de circulación con resultado positivo en alcol e drogas

O pasado día 17 de xullo produciuse un accidente de circulación onde o condutor dun ciclomotor perdeu o equilibrio e caeu ao chan na confluencia da rúa Villalba coa Praza de Xaquín Lorenzo “Xocas”.

Un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo acudiu ao lugar comprobando que o condutor sufrira feridas, requirindo a presenza dunha ambulancia para o seu traslado ao HULA. Os axentes ao detectar signos de embriaguez, solicitaron mandamento xudicial para a realización de análise de sangue co fin de comprobar a presenza no organismo de substancias estupefacientes e alcol, sendo autorizadas pola Autoridade Xudicial.

O resultado emitido polo laboratorio conclúe con que o condutor conducía o vehículo cunha taxa de alcol en sangue de 1’32 gramos por 1.000 c.c, dando POSITIVO tamén en Cocaína e THC (cánnabis), motivo polo cal se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda por delito contra a seguridade viaria.

Filtros de seguridade viaria

Durante a madrugada do 28 de xullo, efectivos do Grupo Operativo Nocturno estableceron diferentes controis en vías do centro urbano, detectando dous condutores con taxas positivas nas probas de alcoholemia realizadas. O primeiro foi detectado ás 1:40 horas na Rolda da Muralla, lanzando un resultado POSITIVO de 0’60 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución e o segundo ás 3:45 horas na Avenida de Ramón Ferreiro, lanzando un resultado POSITIVO de 0’41 mg/l, polo que se propón para sanción de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Festa en interior de vivenda

Sobre as 2:45 horas do día 28 de xullo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un inmoble da rúa Xosé Novo Freire xa que os veciños queixábanse dos ruídos que proviñan dunha vivenda.

Os axentes comproban desde o exterior da vivenda e nas zonas comúns do edificio música en ton elevado e voces de persoas en actitude festiva, incompatibles co descanso nocturno para o resto da veciñanza, procedendo á identificación do responsable e levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas