Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 28 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 21:30 horas do día 28 de abril, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, detecta na zona de As Gándaras a circulación dun ciclomotor cuxo condutor se atopa baixo a influencia de bebidas alcohólicas. É presentado na Unidade de Atestados do Corpo e sometido ás probas regulamentarias mediante etilómetro de precisión, lanzando un resultado POSITIVO de 1,11 mg/l (case cinco veces a taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, e inmobilizándose o vehículo.

Lanzamento de petardos

Sobre as 18:55 horas do día 28 de abril unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Lavandeira xa que un veciño aseguraba que escoitara ruídos semellantes a disparos de arma de fogo. Os axentes achan a dous menores de 15 anos que están a lanzar petardos nun escampado próximo á N-VI, procedéndose á súa identificación e intervíndose unha caixa que levaban consigo con 25 unidades, cuxa venda está prohibida a menores de 16 anos. Así mesmo os axentes pescudan que os petardos foron vendidos nun establecemento da Avenida da Coruña polo que se procede á identificación do responsable, levantándose acta de denuncia polos feitos relatados.

Ruídos en interior de domicilio

Sobre as 23:10 horas do día 27 de abril, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da rúa Fontaneira xa que os veciños queixábanse dos ruídos que proviñan dunha vivenda. Os axentes, desde as escaleiras do edificio, escoitan música a volume moi alto e voces de persoas, polo que se procede á identificación do responsable, o cal manifesta que estaban a celebrar os aniversarios dun neno de 4 anos e que non eran conscientes das molestias que ocasionaban, sendo requirido para que cesen, o que fai ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas