Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 28 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Control normas COVID-19

No primeiro día de vixencia das novas medidas ditadas pola Xunta de Galicia como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, efectivos da Policía Local de Lugo estableceron dispositivos itinerantes e estáticos para o control do cumprimento destas novas normas, coa utilización de vehículos policiais rotulados e camuflados, levantándose SETE actas de denuncia polas seguintes infraccións á Lei de Saúde de Galicia.

  • 3 actas de denuncia por incumprimento da restrición de entrada e saída ao municipio de Lugo. Proposta de sanción de 500 euros.
  • 2 actas de denuncia por non facer uso da máscara de protección obrigatoria. Proposta de sanción de 100 euros.
  • 1 acta de denuncia por circular entre as 22,00 e as 6,00 horas sen causa xustificada. Proposta de sanción de 500 euros.
  • 1 acta de denuncia por atoparse nun grupo de persoas non conviventes. Proposta para sanción de 500 euros.

Así mesmo con ocasión destes controis realizáronse probas de detección alcohólica ao condutor dun vehículo, lanzando un resultado POSITIVO de 0,35 mg/ l, o que supón multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Ruídos en vivendas particulares

Durante a madrugada do xoves día 28 de xaneiro/21, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo interviñeron en DÚAS vivendas por ruídos molestos para a veciñanza.

A primeira realizouse ás 1,40 horas cando a patrulla policial é comisionada pola Sala do 092 para que acuda e un edificio da Avenida da Coruña xa que os veciños denunciaban ruídos molestos provenientes dunha vivenda.

Os axentes escoitan ruído moi elevado de voces de persoas e volume excesivo de música, polo que identifican á responsable, a cal manifesta que está de celebración con persoas conviventes e que non era consciente das molestias que causaba, sendo requirida para que cesen, o que fai ao instante.

Os policías tras a comprobación das persoas que se achaban no interior do domicilio, detectan que unha delas non é convivente polo que é proposta para sanción de 500 euros por infracción á Lei de Saúde de Galicia.

A Policía Local lembra que a actual normativa da Xunta de Galicia, salvo excepcións concretas, limita a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, ou en espazos de uso privado a persoas conviventes.

A segunda intervención realízase ás 3,20 horas nun edificio da Avenida de Fontiñas, onde acode a patrulla por denuncias dos veciños de ruídos molestos que impiden o descanso.

Os axentes escoitan música en ton moi alto, polo que identifican o responsable manifestando que se atopa só, escoitando música e falando por teléfono, sendo requirido para que cesen as molestias, o que fai ao momento.

En ambos os casos os axentes levantaron actas de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Axuda a cidadán

Sobre as 2,00 horas do día 28 de xaneiro/21 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a unha vivenda da rúa Chantada xa que unha persoa caeuse no interior do domicilio e non era capaz de levantarse.

Os axentes observan a un home de 79 anos que estaba tendido no chan do salón, manifestando que se atopaba ben pero que escorregara do sofá e non era capaz de incorporarse, sendo levantado polos policías e trasladándoo ata o seu dormitorio, finalizando o servizo sen outra novidade.

Venda ambulante non autorizada

O martes 26 de xaneiro/21, coincidindo con día de mercado, por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio estableceuse un dispositivo para combater a venda ambulante ilegal, especialmente na contorna da Praza de Abastos, levantándose SETE actas de denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, ao sorprender a outras tantas persoas ocupando espazos públicos para exercer a venda ambulante non autorizada.

A todas estas persoas ábrese expediente sancionador con multas de 600 euros.

Noticias relacionadas