Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 27 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Estado de Alarma

Durante a fin de semana do 24 ao 26 de abril, efectivos da Unidade Territorial da Policía de Barrio e a Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo estableceron diferentes controis para comprobar e, no seu caso, impedir que se leven a cabo os servizos e actividades suspendidas así como velar polo cumprimento das limitacións sobre a circulación de persoas e vehículos, levantándose 11 actas de infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, identificándose a 148 persoas e interceptando a 505 vehículos.

Entre os denunciados atópanse persoas que circulaban dentro do vehículo, na mesma fila de asento, sen utilizar ningunha medida de seguridade como máscara ou luvas e sen que o desprazamento estea xustificado ou o caso dunha persoa, residente en Ourense, que se dirixía desde Begonte á cidade de Lugo para ir ao caixeiro.

Así mesmo detectáronse dous vehículos que circulaban carecendo de Seguro Obrigatorio de Automóbiles, motivo polo cal se abriu expediente aos seus titulares con multa de 1.500 euros, sendo retirados polo Servizo de Guindastre ao Depósito Municipal onde quedan inmobilizados ata que se presente o certificado do SOA.

Detención por desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade

Efectivos da Unidade Territorial da Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procederon, sobre as 18:20 horas do día 26 de abril, á detención dunha muller, nacida no ano 1968, como presunta autora dun delito de desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións. Os feitos ocorreron cando unha patrulla detecta á agora detida deambulando polos xardíns existentes ao pé da Muralla Romana á altura do nº 100 da Rolda da Muralla, sen causa que xustifique que realiza algunhas das actividades autorizadas polo Real Decreto de declaración do Estado de Alarma.

Por tal motivo solicitan a súa identificación, negándose esta a facilitar aos axentes a documentación, polo que lle requiren para que, ao amparo da Lei de Protección da Seguridade Cidadá, os acompañe ás dependencias policiais máis próximas para a práctica desta dilixencia, volvéndose a negar, procedendo os axentes á súa detención e traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Molestias por ruídos no interior de vivendas

Na noite do 25 ao 26 de abril, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial da Policía de Barrio da Policía Local de Lugo interviñeron en dúas vivendas da cidade como consecuencia de ruídos que se xeraban no seu interior e que perturbaban o descanso dos veciños. A primeira intervención produciuse ás 0:25 horas na Praza da Liberdade onde os veciños dun inmoble queixábanse dos ruídos, provintes dunha vivenda, que lles impedían conciliar o sono. Os axentes advertiron á causante que debía de absterse de producir ruídos a esas horas da madrugada, cesando inmediatamente as molestias. A segunda intervención prodúcese ás 0:50 horas nunha vivenda da Ronda das Fontiñas onde os veciños do inmoble queixábanse do volume excesivo dun equipo de música que se estaba utilizando no seu interior. Os axentes identifican á responsable advertíndolle das molestias que estaba a causar, apagando inmediatamente o equipo de reprodución musical, levantando acta ao amparo da Ordenanza de Protección Ambiental.

Auxilio a cidadáns

Na tarde do día 24 de abril o servizo 061 requiriu colaboración ao 092 para o traslado dunha persoa, presuntamente agresiva, desde o seu domicilio ao HULA. Unha patrulla da Unidade Territorial da Policía de Barrio acudiu ao lugar e auxiliou ao servizo médico para o traslado dun menor, que ao parecer consumía bebidas alcohólicas e estaba a tratamento psiquiátrico. Os axentes e o persoal sanitario lograron que o menor accedera a ser traslado en ambulancia, sendo acompañados no seu interior por un dos policías para preservar a seguridade de todos.

Sobre as 6:00 horas do día 26 de abril, unha patrulla policial foi comisionada pola Sala do 092 para que acudira a unha vivenda da rúa Pena do Rei xa que un home trasladaba que a súa muller, de avanzada idade, caera da cama e non conseguía levantala. Os axentes acudiron ao domicilio achando á muller, nacida no ano 1931, no chan do dormitorio, levantándoa e deitándoa de novo na cama, sen que, a primeira ollada, se producira dano algún, rexeitando a presenza de persoal sanitario e quedando baixo o coidado do seu marido.

Noticias relacionadas