Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 23 ao 25 de xullo

Luns, 26 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Control normas COVID

Durante as noites do venres 23 e sábado 24 de xullo estableceuse un dispositivo especial para comprobar o cumprimento da normativa COVID, levantándose as seguintes actas de denuncia:

  • 16 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por reunións de non conviventes entre as 3:00 e as 6:00 horas. Proponse sanción de 500 euros a cada un deles.
  • 2 actas de denuncia por infracción á Lei Orgánica do Protección da Seguridade Cidadá por falta de respecto e consideración a axentes da autoridade. Proponse sanción de ata 600 euros.
  • 1 acta de denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá por desobediencia a axentes da autoridade. Proponse sanción de ata 30.000 euros.

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 20:00 horas do día 23 de xullo a Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo instrúe dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de xuízo rápido contra o condutor dun turismo que foi detectado conducindo pola Rolda da Muralla carecendo de permiso de condución por non obtelo nunca, enfrontándose o condutor a unha pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de doce a vinte e catro meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días.

Presunta falsificación de certificado de Seguro Obrigatorio de Automóbiles (SOA)

Sobre as 19:55 horas do día 24 de xullo un patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo pola Avenida de Ramón Ferreiro, procedendo a darlle o “alto” e solicitarlle a documentación do vehículo e a do condutor, presentando un certificado de SOA que non dá fiabilidade aos axentes xa que ten unha vixencia ata o mes de xullo do ano 2022, non se corresponde tomador e propietario co condutor e compróbase a través da base de datos da Dirección Xeral de Tráfico que o vehículo carece de Seguro Obrigatorio.

Ademais os axentes póñense en contacto coa compañía de seguros, que figura no documento entregado polo condutor, manifestando que o vehículo carece de seguro desde o 13 de xullo. Iníciase expediente sancionador pola carencia do seguro e instrúense dilixencias por se estes feitos poden ser constitutivos dun delito de falsificación en documento, procedendo á inmobilización do vehículo.

Auxilio á cidadanía

Na tarde do día 24 de xullo un veciño da Calzada das Gándaras pedía auxilio á Policía xa que se achaba confinado no seu domicilio, ao dar positivo en COVID e que levaba varios días sen comer pois non tiña diñeiro e non podía comprar comida polos seus propios medios nin a través de familiares ou amigos. Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo desprázase ao banco de alimentos recollendo un lote de comida para varios días e entregándollo a esta persoa no seu domicilio, dando coñecemento aos servizos sociais.

O mesmo día sobre as 20:30 horas unha patrulla detecta na rúa Cornubia un home de 67 anos tirado na rúa, como consecuencia dunha caída casual, sendo atendido pola dotación sanitaria dunha ambulancia do 061.

Sobre as 11:15 horas do día 25 de xullo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode a un edificio da rúa Rei Chiquito xa que ao parecer nunha vivenda hai unha persoa de avanzada idade que non responde as chamadas. Os axentes requiren a presenza dunha dotación de Bombeiros e ao acceder ao interior do piso atopan tirada no chan da cociña unha muller de 87 anos, consciente pero que era incapaz de levantarse, manifestando que non lembraba que lle pasara, sendo atendida pola dotación sanitaria dunha ambulancia do 061 e trasladada ao HULA.

Ruídos en interior de vivendas

Ás 00:20 horas do día 24 de xullo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da Rolda das Fontiñas xa que os veciños denuncian ruídos molestos que proveñen dunha vivenda. Os axentes comproban que se está levando a cabo unha festa e que a música se escoita desde a vía pública, sendo identificado o seu responsable ao que se lle require para que cesen as molestias, facéndoo ao instante, levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Sobre as 04:55 do día 25 de xullo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a un inmoble da Avenida da Coruña xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda. Os axentes despois de comprobar as molestias proceden á identificación do responsable ao que requiren para que cesen, manifestando que non era consciente das molestias que estaba a provocar, facéndoo ao instante, levantando os axentes acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Gato que acciona equipo de música

Durante a madrugada do día 25 de xullo veciños dun edificio da Rolda das Fontiñas denunciaban ruído de música en ton alto que lles imposibilitaba o descanso. Os axentes tras comprobar que non había ninguén no interior da vivenda comezaron a realizar investigacións, localizándose pola mañá ao propietario do piso que se achaba fóra desta cidade e ao informarlle das molestias que producía a música en ton alto que proviña do interior manifestou que posiblemente o que accionou o equipo de música fose o seu gato que quedou na vivenda xa que ten o costume de acender o equipo musical coa pata e mover a roda do volume, desprazándose inmediatamente ata o seu domicilio para solucionar este problema.

Noticias relacionadas