Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 26 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Detención por desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade

Na tarde do día 25 de abril, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo proceden á detención dun mozo de 18 anos como presunto autor dun delito de desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade. Os feitos sucederon sobre as 20:00 horas do día 24 cando unha patrulla acode ás Costas do Parque Rosalía de Castro para colaborar cunha ambulancia do 061 na asistencia por intoxicación etílica dun mozo. Unha vez que colaboran cos sanitarios, observan que hai un grupo de mozos sentados no campo, consumindo bebidas alcohólicas e ao aproximarse os axentes, a maioría foxen do lugar correndo, quedando uns tres ou catro sentados.

Os axentes proceden á identificación de todos eles e un (o agora detido), que se acha sen máscara e cun vaso de bebida entre as pernas, nunha actitude desconsiderada cara aos axentes, négase a identificarse. Que a pesar de indicarlle os axentes en varias ocasións que necesitan a súa identificación para ser proposto para sanción por incumprir a normativa COVID, o mozo segue na súa actitude de non identificarse, sendo informado que en caso de persistir na súa actitude terá que ser conducido a dependencias policiais para a súa plena identificación. Que nese momento o mozo trata de ausentarse do lugar polo que ten que ser suxeitado polos axentes, mostrando en todo momento unha resistencia activa e desobediencia manifesta ás ordes dos axentes.

Que cando está preto do vehículo patrulla, tírase ao chan e contra o vehículo policial, forcexando cos axentes para evitar ser trasladado, fuxindo á carreira do lugar. Que realizadas as investigacións oportunas, a tarde do día 25 procédese á localización, identificación e DETENCIÓN deste mozo polos delitos descritos, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Accidente de circulación con alta taxa de alcol

Sobre as 19:00 horas do día 24 de abril o equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase ao polígono industrial de As Gándaras, concretamente á rúa Hernández Robredo, xa que ao parecer produciuse un accidente de circulación. Os axentes comproban que un vehículo saíuse da vía invadindo a beirarrúa e chocando en primeiro lugar co bordo e despois contra un sinal vertical de “situación dun paso para peóns”.

Os policías observan que o condutor presenta signos de embriaguez polo que é sometido a unha proba indiciaria de detección de alcol, lanzando un resultado POSITIVO de 1,34 mg (case seis veces máis que a taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Filtros de seguridade

Durante a fin de semana do 23 ao 25 de abril, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron diferentes controis no centro urbano para comprobar o cumprimento da normativa COVID e para o control da normativa de seguridade viaria en canto a vehículos e condutores, detectando un vehículo que pasa un semáforo en luz vermella, sendo sometido o condutor ás probas de detección alcohólica e drogas, lanzando un resultado POSITIVO de 0,55 mg/l de alcol e POSITIVO en THC. Ábrense expedientes sancionadores con multas de 2.200 euros e a retirada de 14 puntos do permiso de condución.

Así mesmo a madrugada do 24 ao 25 de abril, a requirimento de axentes da Garda Civil, realízanse probas de alcoholemia a un condutor na rúa dos Gardas, lanzando un resultado POSITIVO de 0,45 mg/l e tamén se realizan probas de drogas, lanzando un resultado POSITIVO en Cocaína e THC. O condutor enfróntase a multas de 1.500 euros e a retirada de 10 puntos do permiso de condución.

A mesma noite detéctase outro vehículo cuxo condutor se acha baixo os efectos de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas regulamentarias e lanzando un resultado POSITIVO de 0,44 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Todos estes condutores foron denunciados ademais por infracción á Lei de Saúde de Galicia por quebrantar o “toque de queda”, propoñéndose sanción de 500 euros a cada un deles.

Festas en interior de vivendas

A madrugada do sábado 24 ao domingo 25 de abril, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, interviñeron en DÚAS festas en domicilios particulares. A primeira prodúcese ás 3:50 horas nun edificio de Estrada da Granxa xa que os veciños denunciaban ruídos molestos que proviñan dunha vivenda que lles imposibilitaba conciliar o soño. Os axentes comproban que se escoita ruído en ton alto por actividade humana, identificando ao responsable, ao que se lle require que cesen as molestias, o que fai ao instante.

A segunda intervención prodúcese ás 4:45 horas na Rampla de Claudio López, con motivo dunha festa nunha vivenda. Os policías escoitan ruídos moi molestos de actividade humana, polo que se identifica á responsable, requiríndolle para que cesen as molestias, o que fai ao momento, comprobándose que está con dúas amigas coas que convive.

Noticias relacionadas