Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Venres, 25 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Festa en interior de vivenda

Sobre as 3,55 horas do día 25 de xuño/21, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a un edificio da  rúa  Camiño Real xa que os veciños denunciaban ruídos molestos que proviñan dunha vivenda.

Os axentes comproban que se escoita música en ton moi elevado e actividade humana que imposibilita o descanso da veciñanza, sendo identificado o responsable ao que se lle ordena que cesen as molestias inmediatamente, manifestando que está cuns amigos “tomando unhas copas”, accedendo a finalizar a festa.

Con todo cando os axentes abandonaban o lugar comproban que o identificado volve conectar o equipo de reprodución de música, dando varias portadas e saíndo ás escaleiras do edificio gritando e vociferando coa clara intención de molestar e prexudicar aínda máis aos veciños, polo que se levanta acta de denuncia por infracción GRAVE á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá pola desobediencia reiterada aos mandatos dos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, con grave prexuízo para a veciñanza, propoñéndose sanción de 601 a 30.000 euros á Subdelegación do Goberno, como órgano competente para a tramitación do expediente sancionador.

Así mesmo levántase acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental polos ruídos e molestias ocasionadas aos veciños.

Intervención policial en establecemento de hostalería por falta de pagamento de factura de comensais

Sobre as 15,40 horas do día 24 de xuño/21, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un local de hostalería da zona de As Gándaras xa que ao parecer un grupo de comensais non poden pagar a factura da comida consumida.

Os axentes comproban que un grupo de catro adultos e dous nenos habían comido e ao finalizar cando ían abonar a factura, que ascendía a 120 euros, non tiñan diñeiro en metálico e ao pasar a tarxeta bancaria daba constantemente erro e non era posible cargar o importe.

Os comensais manifestan que non teñen outro medio de pago, sendo identificados polos axentes, comprometéndose co propietario a que pasarían pola tarde a abonar o consumido, quedando aquel en formalizar denuncia en caso negativo.

Na mañá de hoxe non se presentou ninguén no establecemento para abonar a factura.

Filtros de seguridade viaria

Durante a madrugada, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, apoiados por un equipo de Atestados do Corpo, realizaron diversos filtros de seguridade viaria en rúas do centro urbano, detectándose dous condutores que lanzaron resultado POSITIVO de 0,49 e 0,47 mg/l, respectivamente, abríndose expedientes sancionadores con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Devanditos condutores foron interceptados nas rúas Bolaño  Ribadeneira e Dona Pega rabilonga.

Auxilio a cidadán

Sobre as 00,05 horas do día 25 de xuño/21, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode ao aparcadoiro subterráneo de Santo Domingo xa que ao parecer había unha persoa que se negaba a abandonar a instalación.

Os axentes comproban que se trataba dun home de 77 anos que manifesta perder o autobús que o levaba ao seu domicilio e que non tiña como volver á súa casa nin onde pasar a noite.

Os axentes trasládano á Xefatura da Policía Local onde localizan a unha familiar, a cal se presenta nestas dependencias facéndose cargo desta persoa.

Noticias relacionadas