Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 19 ao 21 de marzo/21

Luns, 22 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Detención

Sobre as 22,35 horas do día 21 de marzo/21 recíbese unha chamada na Sala do 092 na que se informa que nunha rúa da cidade, un home que porta un coitelo de grandes dimensións está a tentar entrar no portal dun edificio.

De inmediato comparecen no lugar dúas dotacións do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo observando, dentro dun coche estacionado, a un home que trata de esconderse, polo que se procede á súa identificación, manifestando que tivera unha discusión coa súa parella, procedéndose á súa cacheo e rexistro do vehículo sen que se lle atope arma algunha.

Acto seguido os policías póñense ao fala coa requirente do servizo manifestando que momentos antes o agora identificado, que é amigo persoal, abriulle a porta do domicilio, querendo pescudar onde estaba o seu fillo e a súa muller.        

A  requirente explicoulle que non estaban alí, pero lonxe de tranquilizarse, comezou a beber, dirixíndose á cociña, collendo un coitelo e  abandonando o domicilio.

Os axentes interrogan de novo a esta persoa, conducíndolles ata unhas matogueiras onde lanzara o coitelo, que foi recuperado polos policías.

Que os axentes localizan á muller deste individuo manifestando que efectivamente tivo unha discusión coa súa parella e que en diversas ocasións habíaa agredido e ameazado de morte, aínda que nunca o denunciaba.

Que por estes feitos procédese á detención do home, de 29 anos de idade, sendo conducido a dependencias policiais onde se instrúen  dilixencias para o Xulgado competente.

Accidentes de circulación con probas de alcoholemia con resultado POSITIVO

Ás 17,00 horas do día 19 o equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á confluencia das rúas Xosé  Castiñeira con Paseo dos Estudantes xa que se produciu un accidente de circulación no que estaban implicados dous vehículos.

Os axentes detectan que un dos condutores presenta signos de embriaguez polo que é sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,80 mg/ l (triplicaba a taxa establecida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Ás 22,30 horas do día do día 19 o equipo de Atestados acode á confluencia da Avenida de Fontiñas con carril dous Indios xa que se produciu un accidente de circulación no que estaban implicados dous vehículos.

Os axentes observan que un dos condutores presenta signos de consumir  alcohol polo que é sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,55 mg/ l, polo que se abre expediente sancionador con multa de 1000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Filtros de seguridade viaria

Durante a fin de semana efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio estableceron diversos  filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, detectando dous condutores na madrugada do día 20 e a do 21 conducindo con signos de embriaguez.

O primeiro foi sorprendido nun control ás 3,45 horas do día 20 na Rolda de República Arxentina, lanzando un resultado POSITIVO de 0,79 mg/ l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

O segundo foi detectado ás 4,20 horas nun control situado en  rúa  Armórica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,62 mg/ l, incoándose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Ambos os condutores foron denunciados ademais por infracción á Lei de Saúde de Galicia por transitar entre as 22,00 e as 6,00 horas sen causa xustificada, propoñéndose para sanción de 500 euros a cada un deles.

Control normas COVID-19

Durante esta fin de semana, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co apoio dun equipo da Unidade de Atestados do Corpo, establecéronse 33 dispositivos de control do cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre Covid-19, identificándose a 275 persoas e levantando 16 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, polas seguintes infraccións:   

  • 7 actas de denuncia por transitar entre as 22,00 e as 6,00 horas sen xustificación.
  • 4 actas de denuncia por incumprir as limitacións sobre grupos de persoas conviventes.
  • 2 actas de denuncia por non facer uso da máscara de protección.
  • 1 acta por fumar sen manter a distancia de seguridade interpersoal
  • 1 acta por incumprimento de aforo en terraza de establecemento de hostalería.
  • 1 acta por incumprimento de distancia de seguridade entre mesas dun local de hostalería.

Ruídos en interior de vivendas particulares

Ás 0,55 horas do día 19 de marzo/21 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno acode a un edificio da Ronda das Fontiñas xa que segundo chamada dos veciños, dunha vivenda proveñen ruídos molestos que imposibilitan conciliar o soño.

Os axentes comproban que se escoita música en ton alto, procedendo a identificar as persoas que se achan no interior da vivenda, comprobando que tres deles non eran conviventes, polo que se levanta acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, levantando acta tamén por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 0,21 horas do día 21 de marzo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno acode a outro edificio de Avenida Fontiñas xa que os veciños denuncian ruídos que proveñen dunha vivenda.

Os axentes comproban que se escoita música en ton moi elevado, acompañada de voces que resultan incompatibles co normal descanso nocturno, identificando a todos os que se achaban no interior, comprobando que eran conviventes, sendo requiridos para que cesasen as molestias, o que fan ao instante, levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 0,45 horas do día 21 de marzo recíbese chamada na Sala do 092 na que os veciños dun edificio da  rúa San Roque denuncian ruídos molestos que proveñen dun domicilio.

Os axentes comproban que se escoita música a volume alto e actividade humana en ton elevado, incompatible co descanso nocturno, identificando ao responsable, o cal manifesta que está a celebrar uns aniversarios coas persoas que viven na vivenda, sendo requirido para que cesen as molestias, o que fan ao instante, levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas