Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados da fin de semana do 18 ao 20 de xuño – Arde Lucus

Luns, 21 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Controis de alcoholemia e drogas

Durante esta fin de semana, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio, apoiados por equipos de Atestados do Corpo, estableceron diversos controis de alcoholemia e drogas en vías do centro urbano, detectándose TRECE condutores que lanzaron un resultado POSITIVO nas probas de detección alcohólica ás que foron sometidos.

As taxas detectadas, en miligramos litro, polas que se abre expediente sancionador, foron: 0,65; 0, 62; 0,58 (dous); 0,54; 0,50 (dous); 0,49; 0,48; 0,45 e 0,34.

As taxas iguais ou superiores a 0,50 e que non superan os 0,65 mg/l levan aparelladas multas de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

As taxas comprendidas entre 0,25 e 0,49 mg/l levan aparelladas multas de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Así mesmo nestes controis detectáronse DOUS condutores con taxas de 0,79 e 0,75 mg/l polo que se instrúen, en ambos os casos, dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Tamén se detectaron DOUS condutores que guiaban carecendo de permiso de condución, polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido. Un deles facíao cunha taxa de alcol superior á regulamentariamente establecida e carecendo de autorización administrativa.

Detención por atentado a axentes da autoridade

Os feitos sucederon sobre as 23:15 horas do día 19 de xuño, cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta na rúa da Saúde a un home que está co torso espido, sen camiseta, gritando e ameazando aos transeúntes. Ao tratar de falar con el para saber que estaba a suceder, de maneira súbita abalánzase sobre un dos axentes, tentando propinarlle unha patada, sendo inmobilizado e procedendo á súa detención, sendo trasladado inicialmente a un centro médico para a súa valoración, onde se puido saber que o detido tivera unha relación sentimental cunha persoa e que cada vez que se embriaga regresa ao lugar onde esta persoa vive e comeza a increpala, montando escándalo. O detido foi trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Intento de agresión

Sobre as 19:30 horas do día 19 de xuño efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procederon á identificación de dúas persoas na rúa Miguel de Cervantes xa que un deles manifestou que observa a un home que estaba a dar de comer a uns gatos rueiros e que, ao recriminarlle tal conduta, esta persoa tenta agredilo lanzándolle unha pedra, sen chegar a alcanzarlle e gardándose outra no peto.

Tales feitos son reflectidos no correspondente parte de intervención e remitidos ao órgano competente por se algún dos implicados quixese presentar denuncia. Acompáñase fotografía.

Festas en interior de vivendas

Ás 4:05 horas do día 19 de xuño unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a un edificio da rúa Isaac Díaz Pardo xa que os veciños denunciaban ruídos provenientes dunha vivenda que lles imposibilita o descanso. Os axentes escoitan ruídos de música e voces en ton moi alto polo que se procede á identificación do responsable que manifesta que está a levar a cabo unha festa, sendo requirido para que cesen as molestias, o que fai ao instante, levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 4:45 horas do mesmo día, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno trasládase a un garaxe da rúa Salmón xa que os veciños denunciaban ruídos que imposibilitaban o descanso. Os axentes comproban que se está celebrando unha festa no garaxe, identificando a 10 mozos maiores de idade que consumían alcol e escoitaban música, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 11:35 horas do día 19 de xuño, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da Avenida da Coruña xa que ao parecer unha persoa caera no interior do seu domicilio e non era capaz de levantarse. Os axentes acoden inmediatamente e comproban que unha señora de 73 anos estaba tirada no chan do salón e a familiar que a atendía era incapaz de incorporala debido ao peso desta persoa, procedendo os policías a trasladala a un sofá, sen que necesitase asistencia médica.

Recuperación de dúas cegoñas caídas dun niño

Na tarde do día 19 de xuño, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo trasládase a unha zona da Estrada de Santiago xa que ao parecer dous pitos de cegoña caeran do niño. Os axentes atopan as aves que caeran como consecuencia de fracturarse a rama da árbore que albergaba o niño, achándose en bo estado, sendo trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de O Veral. Acompáñase fotografía.

Multimedia

  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas