Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 21 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Accidentes de circulación e delitos contra a seguridade viaria (adxúntanse fotogramas)

Sobre as 23:00 horas do pasado día 16 de abril, unha persoa informa á Sala do 092 da Policía Local de Lugo que observa como un turismo azul realiza un “trompo” para acceder desde a rúa Emilia Pardo Bazán a Ramón Montenegro, dirección a Fontiñas e á altura da rúa Río Chamoso volve realizar outro cara esta, perdéndoo de vista, aínda que non deixa de oír o ruído do motor, volvendo aparecer este turismo pola rúa Paxariños para acceder a San Roque.

Como o fai a gran velocidade a persoa denunciante teme pola integridade da súa muller e fillo e dilles que se introduzan no oco dun portal, continuando o turismo pola rúa San Roque á mesma velocidade cara á Rolda da Muralla, oíndo, acto seguido, un forte ruído, momento no que corre cara á Rolda, observando varios valos salva peóns esparexidos pola beirarrúa desta vía, produto dunha colisión deste vehículo e a un grupo de persoas que anotaron a placa de matrícula, pois o coche fuxira do lugar.

Inmediatamente acoden ao lugar patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo e un equipo de Atestados deste Corpo, comprobando que un turismo chocara contra os valos salva peóns da Rolda da Muralla, próximos á Porta de San Pedro.

Así mesmo, identifican a un peón que se atopaba na beirarrúa, detrás dos valos no momento do accidente, o cal dá un salto instintivamente cara á zona axardinada para non ser esmagado polos valos e o vehículo, manifestando que resultara ferido nun pé, trasladándose a un centro médico.

Momentos máis tarde localízase o vehículo causante dos danos, estacionado na rúa Montero Ríos, sendo retirado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal, onde queda inmobilizado.

As testemuñas manifestan que o condutor é un home novo, dirixíndose os axentes ao domicilio da propietaria do turismo, nai do que resultou ser o condutor, manifestando que non sabía nada del, facilitando o seu domicilio actual.

Ás poucas horas lógrase a identificación do condutor, de 27 anos de idade, que se presenta na Xefatura da Policía Local, manifestando que quedou durmido, que se ausentou xa que non causara dano a ninguén e asustouse por temor a ser denunciado por quebrantar o “toque de queda”.

O equipo de Atestados revisa as imaxes das cámaras de tráfico e instrúe dilixencias contra o condutor como autor dun delito contra a seguridade viaria, por conducir de forma manifestamente temeraria poñendo en concreto perigo a vida ou a integridade das persoas, como investigado na modalidade de Xuízo Rápido.

O día 17 de abril, sobre as 01:30 horas, prodúcese outro accidente no mesmo lugar, onde un turismo que procede da rúa San Roque, choca de fronte coa roda anterior esquerda contra o bordo da beirarrúa da Rolda da Muralla. O condutor tenta darse á fuga, pero ao ter a roda rebentada é interceptado por unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo na rúa Montero Ríos, comprobando que tiña signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,68 mg/l, polo que se instrúen dilixencias como investigado como autor dun delito contra a Seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 11:30 horas do día 21 de abril unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a unha vivenda da rúa Concepción Arenal xa que unha persoa comunicaba que non puidera contactar cunha familiar e temía que lle houbera sucedido algo grave. A patrulla policial entrevístase coa requirente a cal manifesta que, a pesar das chamadas á vivenda, o seu familiar non abre a porta, podendo falar con ela, notando que algo raro estaba a suceder xa que falaba de forma moi débil, sospeitando que puidese ter caído no interior do piso.

Requírese a presenza dunha dotación de Bombeiros que acceden ao interior a través dunha das xanelas da vivenda que se atopaba entreaberta, observando os axentes que unha muller 83 anos estaba tirada no chan do corredor xusto á beira da porta de entrada, presentando unha ferida nun brazo, sendo asistida inmediatamente pola dotación dunha ambulancia do 061, polo que foi trasladada ao HULA, facéndose cargo posteriormente da situación a requirente do servizo.

Multimedia

  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas