Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 20 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Ás 10:25 horas do día 19 de xullo o equipo de Atestados do Corpo da Policía Local de Lugo desprázase á Avenida de Magoi xa que, ao parecer, produciuse un accidente de circulación. Á chegada, os axentes comproban como un turismo que circulaba por esa vía chocara contra outro estacionado, observando que o condutor presenta signos de embriaguez polo que é sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,89 mg/l (case catro veces máis que o permitido), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Filtros de seguridade viaria

Durante as noites do venres ao sábado 18 e do sábado ao domingo 19, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio dun equipo de Atestados deste Corpo, estableceron varios filtros de seguridade viaria, detectándose infraccións por carencia de Seguro Obrigatorio e sorprendendo a tres condutores que arroxaron un resultado POSITIVO nas probas de detección alcohólica practicadas.

O primeiro foi sorprendido ás 2:00 horas do día 18 de xullo na Avenida de Fontiñas, arroxando un resultado POSITIVO de 0,48 mg/l. O segundo foi detectado ás 4:25 horas do mesmo día na praza Xaquín Lorenzo, arroxando unha taxa de 0,40 mg/l. O terceiro foi parado ás 4:00 horas do día 19 de xullo na Praza de Avilés, arroxando un resultado de 0,53 mg/l.

Aos condutores das dúas primeiras intervencións abríuselles expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de conducir. O terceiro enfróntase a unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Auxilio a cidadáns

Sobre as 17:20 horas do día 17 de xullo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala de Comunicacións 092 para que acuda a un centro médico da capital xa que ao parecer había un paciente en actitude moi agresiva. Os axentes comproban que se trata dun home de 48 anos, e tal era o grao de agresividade que proceden a inmobilizalo de pés e mans para o seu traslado a un box de atención médica, co fin de protexer a propia integridade física do paciente e a do resto de persoal sanitario que o atendía, sendo requirida unha ambulancia do 061 para o seu trasladado ao HULA, sendo en todo momento custodiado no interior da ambulancia e durante todo o traxecto polos axentes policiais, quedando ingresado.

Ás 1:45 horas do día 19 de xullo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode á rúa Camiño de Pipín onde auxilian a un home que se atopa tirado na beirarrúa con evidentes signos de acharse embriagado. Os axentes practícanlle os primeiros auxilios, requirindo a presenza dunha ambulancia cuxo persoal sanitario o atende no lugar dos feitos.

Emerxencia sanitaria

O domingo 19 de xullo, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, levantaron SEIS actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, a outras tantas persoas, por non usar a máscara de protección na vía pública.

Establecementos públicos

Levantouse acta denuncia a un establecemento da rúa Tui por infracción á normativa reguladora de espectáculos públicos e actividades recreativas por exceder, no exercicio da actividade, o límite horario establecido. Esta infracción está considerada como GRAVE, enfrontándose o responsable do establecemento a unha multa de 301 a 30.000 euros e suspensión ou prohibición da actividade por un período máximo dun ano.

Noticias relacionadas