Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 20 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Festas en interior de domicilios

Durante a fin de semana do 17 e 18 de abril Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo interviñeron en SEIS festas celebradas en interior de domicilios.

  • A primeira intervención realízase nun edificio da rúa do Prado, sobre as 23:00 horas do día 17 de abril, cando os axentes acoden por ruídos procedentes dunha festa nunha vivenda, comprobando que se escoita música en ton alto e actividade humana, identificando á responsable, manifestando que están a celebrar unha festa de aniversario, detectando os axentes a máis de catro persoas que non son conviventes, polo que se levantan DEZ actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, por reunión non permitida e non facer uso da máscara cando se dirixen aos axentes actuantes. Así mesmo levántase acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.
  • A segunda intervención prodúcese ás 23:45 horas do día 17 de abril cando unha patrulla é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á rúa Montero Ríos xa que nunha vivenda un veciño non cesa de cantar e facer ruído. Os axentes identifican a esta persoa, requiríndolle para que cese na súa actitude, o que fai ao instante, finalizando o servizo sen outra novidade.
  • A terceira intervención prodúcese ás 0:55 horas do día 18 na rúa Lamas de Prado, onde unha patrulla acode a un edificio cuxos veciños se queixan dos ruídos que proveñen dunha vivenda. Os axentes identifican á responsable, manifestando que están a levar a cabo unha celebración, sendo requirida para que cese, o que fai ao instante.
  • A cuarta intervención desenvolveuse nun edificio da rúa Anduriñas, sobre as 2:15 horas do día 18, comprobando os axentes que se escoita música con volume moi elevado procedente dunha vivenda. Procédese á identificación do responsable, manifestando que está a celebrar unha pequena festa con outras tres persoas, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.
  • A quinta intervención prodúcese ás 3:15 horas do día 18 na rúa Músico Falla cando un veciño denuncia ao 092 que hai unha festa nunha vivenda do edificio onde reside, que lle imposibilita o descanso. Identifícase á responsable, sendo requirida para que cesen as molestias, cesando ao instante.
  • A sexta intervención realízase, sobre as 3:55 horas do mesmo día, nun edificio de Rolda Fontiñas onde os veciños queixábanse dunha festa nunha vivenda. Os axentes observan como nunha das habitacións do piso instalouse un xogo de luces similar aos que se utilizan nos locais de lecer nocturno, detectando no interior a máis de catro persoas non conviventes, polo que se levantan CATORCE actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, propoñéndose sancións de 500 euros. Así mesmo levántase acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Uso fraudulento dunha tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

Sobre as 00:48 horas do día 17 de abril, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta, na rúa Alexandre Bóveda, un vehículo estacionado nunha praza reservada para discapacitados, que exhibía unha tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, dun home falecido no ano 2017.

A patrulla levanta acta de denuncia por uso fraudulento da tarxeta, intervíndose para a súa remisión ao órgano competente e o vehículo foi trasladado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde queda inmobilizado.

Control normas COVID-19

Durante a fin de semana do 16 ao 18 de abril, efectivos da Policía Local de Lugo estableceron diferentes dispositivos para o control da normativa da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantándose 35 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia.

Noticias relacionadas