Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 19 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delitos contra a seguridade viaria

Sobre as 2:10 horas do día 17 de abril preséntase nas dependencias da Policía Local de Lugo unha condutora que estaciona o seu vehículo en lugar reservado para vehículos policiais e que ao acceder ao interior da Xefatura, o policía de servizo na Oficina de Atención á Cidadanía observa que presenta signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas e/ou drogas, manifestando que vén dicir algo que non dá explicado con claridade, tal era a embriaguez que presentaba, pois a súa fala era pastosa, deambulando cara adiante, cara atrás e lateralmente de forma constante, rexeitando asistencia médica.

Que por tal motivo é conducida á Unidade de Atestados do Corpo onde se lle require, como condutora, para realizar as probas de detección alcohólica e/ou test de drogas, á que está obrigada, NEGÁNDOSE a iso, unha vez informada das consecuencias penais de tal negativa, instruíndose dilixencias por DOUS delitos contra a Seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, un por conducir un turismo baixo a influencia de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas e outro por negarse a someterse ás probas legalmente establecidas para a comprobación das taxas de alcoholemia e/ou a presenza de drogas no organismo.

O vehículo foi retirado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal, onde queda inmobilizado e a condutora foi proposta para sanción de 500 euros por infracción á Lei de Saúde de Galicia por transitar entre as 23:00 e as 6:00 horas sen causa xustificada.

Como este día a condutora negouse a recoller a citación para xuízo rápido, os axentes trasládanse ao día seguinte ao seu domicilio, entregándolla e quedando ela ao tanto do contido da citación e observando que aínda presenta signos incompatibles coa condución.

Como pretendía volver ausentarse conducindo o seu vehículo, procédese novamente á súa retirada polo servizo de guindastre quedando inmobilizado no Depósito Municipal, confeccionando proposta de recoñecemento médico extraordinario á Xefatura Provincial de Tráfico, por se fose conveniente revogar a autorización administrativa que posúe, pois dita persoa non se atopa en condicións de manexar vehículos polas condicións físicas nas que se atopa.

Pola negativa, a condutora enfróntase a unha pena de prisión de seis meses a un ano e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

Filtros de seguridade viaria

Durante o sábado día 17 de abril, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron varios filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano da cidade, detectando ás 2:45 horas un condutor, que despois de ser sometido ás probas de detección alcohólica, lanzou un resultado POSITIVO de 0,38 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, procedendo á inmobilización do vehículo.

Así mesmo levantouse acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia propoñéndose 500 euros de sanción por transitar entre as 23:00 e as 6:00 horas sen causa xustificada.

Ás 23:30 horas do mesmo día, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo dá o “alto”, na rúa Milagrosa, a un repartidor de comida a domicilio, comprobando que dita persoa carecía de permiso de condución por non obtelo NUNCA, instruíndose dilixencias como autor dun delito contra a Seguridade viaria en calidade de investigado, na modalidade de Xuízo Rápido.

Así mesmo procédese a instruír dilixencias contra o propietario do vehículo por cooperador necesario, citándoo tamén como investigado para Xuízo Rápido.

Detención por delito de desobediencia e resistencia a axentes da autoridade

Sobre as 3:10 horas do día 18 de abril unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo observa circulando pola Praza da Constitución a un home en bicicleta. Co fin de proceder á súa identificación e comprobar se ten xustificación para quebrantar o “toque de queda”, danlle o “alto” facendo caso omiso, esquivando aos axentes e dándose á fuga, sendo perseguido e interceptado no Carril dos Loureiros, onde caen ao chan tanto axente como condutor, procedendo á súa detención por presunto delito de desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade.

Así mesmo foi requirido para a realización das probas de alcoholemia e/ou drogas NEGÁNDOSE, polo que se abre expediente sancionador con multa de 1.000 euros, sendo a bicicleta retirada ao Depósito Municipal, levantándose ademais acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por non respectar o toque de queda, propoñéndose sanción de 500 euros.

Noticias relacionadas