Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados do luns 15 e martes 16 de febreiro

Mércores, 17 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Control medidas COVID-19

Durante o período indicado, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo e a Unidade de Atestados do Corpo, estableceron diferentes dispositivos especiais para o control do cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantándose 29 actas de denuncia polas seguintes infraccións á Lei de Saúde de Galicia:

  • 14 actas de denuncia por non facer uso da máscara de protección. Proponse sanción de 100 euros.
  • 7 actas de denuncia por entrar no termo municipal de Lugo sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.
  • 7 actas de denuncia por incumprir a normativa sobre permanencia de grupos de persoas, ao detectar non conviventes en “botellóns”. Proponse sanción de 500 euros.
  • 1 acta de denuncia por transitar por vía pública entre as 22:00 e as 6:00 horas, sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 16:50 horas do día 15 de febreiro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á rúa Tui xa que ao parecer había unha persoa tirada na beirarrúa. Os axentes comproban que se trata dun home de 57 anos que se acha tirado na vía pública en estado de embriaguez, polo que lle practican os primeiros auxilios, requirindo a presenza dunha ambulancia na que foi trasladado a un centro médico.

Sobre á 1:20 horas do día 16 de febreiro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á Avenida Breogán xa que unha persoa caera na beirarrúa e o familiar que a acompañaba era incapaz de levantala. Os axentes comproban que se trata dunha señora de 84 anos, procedendo a auxiliala, incorporándoa e trasladándoa ata o vehículo que tiñan estacionado a uns metros, procedendo a deixala sentada no asento do turismo. Esta persoa manifestou que non se causou lesión algunha e rexeitou asistencia médica.

Filtros de seguridade viaria

Durante o luns 15 e o martes 16 de febreiro, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio, co apoio de equipos da Unidade de Atestados, estableceron diversos filtros de seguridade viaria nas vías do centro urbano, co seguinte resultado:

  • 14 denuncias por infracción ao Regulamento de Vehículos ao detectar a outros tantos vehículos cuxos titulares non os presentaran á ITV no prazo debido. Leva aparellada multa de 200 euros.
  • 3 denuncias por infracción á normativa de seguro obrigatorio de automóbiles, ao detectar outros tantos vehículos que carecían de SOA. Foron propostos para sanción de 1.500 euros.

Na mañá do luns 16 de febreiro, nun dos controis establecidos na rúa da Industria, detéctase a circulación dun QUAD e o condutor deste, ao observar a presenza policial, emprende a fuxida por varias rúas, nunha condución totalmente temeraria pois realizaba xiros a gran velocidade e derrapaxes perigosas, adiantando a vehículos zigzagueando, pasando un semáforo en luz vermella para vehículos e sen respectar os sinais dos axentes que lle ordenaban que se detivese. Finalmente a patrulla interceptouno e procedeu á denuncia das seguintes infraccións:

  • Conducir de forma temeraria. Sanción de 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.
  • Non respectar a luz vermella dun semáforo. Sanción de 200 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.
  • Desobedecer ordes e sinais dos axentes. Sanción 200 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.
  • Non presentar o vehículo a ITV no prazo debido. Sanción 200 euros.

En total detraéronselle 14 puntos do permiso de condución.

Noticias relacionadas