Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Venres, 14 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Durante a noite do 13 ao 14 de maio/21, estableceuse un dispositivo especial para o control do cumprimento da normativa  COVID e de Seguridade viaria, no que participaron efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, apoiados por un equipo de Atestados do Corpo, co emprego de vehículos policiais camuflados e  rotulados, así como un vehículo dotado de radar.

Como consecuencia deste dispositivo instruíronse dilixencias por delito contra a seguridade viaria a dous condutores. O primeiro foi sorprendido ás 4,30 horas  na Rolda de Fingoi presentando signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,79 mg/ l e o segundo foi detectado ás 5,00 horas na rúa Julia  Minguillón lanzando un resultado POSITIVO de 0,62 mg/ l.

Ambos os condutores son investigados por este delito na modalidade de Xuízo Rápido, sendo os vehículos retirados polo guindastre ao Depósito Municipal onde quedan inmobilizados.

O condutor deste último vehículo foi ademais detido por un delito de atentado a axentes da autoridade, xa que a patrulla observou que circulaba realizando  zig- zag, sen as luces traseiras acesas e sen que ningún dos ocupantes leva máscara.

Os axentes proceden a darlle o “alto”, comprobando ademais que ningún era convivente, observando que o condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,62 mg/ l e procedendo á identificación de todos os ocupantes aos que se lles levantou acta de denuncia por infraccións á Lei de Saúde de Galicia xa que se prohibe a permanencia de grupos non conviventes entre as 1,00 e as 6,00 horas (sanción de 500 euros) e por non facer uso da máscara (sanción de 100 euros).

Nun momento da intervención un dos ocupantes, con iniciais A. M. G, de 24 anos, veciño desta cidade, propínalle un forte golpe no brazo dereito a un dos policías, seguindo cun empuxón, caendo ao chan e tendo que intervir o resto de axentes para que a agresión non chegase a máis, sendo inmobilizado e esposado.

Unha patrulla do 091 cooperou cos axentes para o traslado do detido a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda, ademais das propias polo delito contra a seguridade viaria.

Noutro dos “filtros” detectouse un vehículo que carecía de Seguro Obrigatorio, abríndose expediente sancionador con multa de 1.500 euros e procedendo á súa retirada polo Servizo de Guindastre ao Depósito Municipal, onde queda inmobilizado.

Así mesmo deuse o “alto” a un vehículo cuxa placa de matrícula dianteira e traseira eran de diferente numeración, polo que se procedeu a inmobilizar o vehículo, retirando a placa dianteira, que era a que non correspondía ao vehículo e abrindo expediente sancionador con multa de 200 euros.

Neste dispositivo utilizouse un vehículo policial dotado de  cinemómetro, para o control da velocidade, procedendo á denuncia de 6 condutores que pasaron a velocidade máxima establecida para a vía.

Noticias relacionadas