COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Xoves, 09 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Detención por quebrantamento de condena

Ás 11:50 horas do día 7 de xuño unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Río Ulla xa que unha muller denuncia que o seu fillo atopábase moi alterado, chamando á porta da súa vivenda, a pesar de que ten unha orde de afastamento en vigor.

Os axentes atopan diante da porta da vivenda a esta persoa, de 27 anos, comprobándose que hai unha orde emitida por un Xulgado desta cidade que lle prohibe estar a menos de 500 metros do domicilio, procedendo por tal motivo á súa detención e posterior traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Filtros de seguridade viaria

Durante a madrugada efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co emprego de vehículos policiais rotulados e camuflados, estableceron diferentes controis de seguridade viaria, detectando na Avenida de Ramón Ferreiro un patinete eléctrico que circula de forma irregular, observando que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,56 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros.

Así mesmo, na rolda de Fingoi dáse o “alto” a un vehículo cuxo condutor se acha baixo os efectos das bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,80 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizándose o vehículo.

Na mesma vía deuse o “alto” a outro vehículo cuxo condutor presentaba signos de consumir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,54 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

No transcurso destes dispositivos denunciáronse a:

- 14 condutores e pasaxeiros de vehículos que non facían uso do cinto de seguridade,

- 1 titular de vehículo que non o presentou á ITV no prazo debido,

- 1 titular de vehículo por circular carecendo de Seguro Obrigatorio,

- 1 condutor por condución neglixente,

- 1 condutor por conducir con permiso sen vixencia por caducidade,

- 1 condutor por conducir con permiso non susceptible de troco,

- 1 condutor por non solicitar a renovación do permiso de circulación no prazo debido.

Actividade Ilegal de Aparcacoches

Estableceuse un dispositivo especial na contorna do HULA no que efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co emprego de vehículos policiais rotulados e camuflados, sorprenderon a TRES persoas realizando a actividade ilegal de aparcacoches, coñecida popularmente como ‘gorrillas’, ocupando a calzada para indicar aos condutores lugares libres de aparcamento, poñendo en risco a súa integridade física.

Ditas persoas unha vez denunciadas ao amparo do Regulamento Xeral de Circulación ordénaselles que deben cesar na actividade, facendo nun primeiro momento caso, pero ao pouco tempo foron sorprendidos de novo nas mesmas circunstancias, polo que foron denunciados ademais por unha infracción á Lei de Seguridade Cidadá ao desobedecer as ordes dos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, sendo remitidas estas actas á Subdelegación do Goberno.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 9:20 horas do día 8 de xuño unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procede a auxiliar a un home que se achaba tirado na Avenida da Coruña, presentado signos de embriaguez, colocándoo en posición de seguridade e requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 na que se traslada a esta persoa ao HULA para a súa atención médica.

Na tarde do mesmo día un cidadán acode a esta Xefatura para poñer en coñecemento que cando estaba a pasear cun familiar polo barrio de San Fiz perdeu contacto visual con el, sendo unha persoa de avanzada idade e con problemas de mobilidade, solicitando auxilio desta Policía Local para a súa procura, sendo localizado de inmediato por unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio resgardado da choiva debaixo dun edificio.

 

Noticias relacionadas