Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 13 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria e utilización fraudulenta de documento público

Sobre as 1:25 horas do día 12 de outubro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, detecta un vehículo que circula pola rúa Cidade de Viveiro realizando zig - zage coas luces apagadas.

Ao darlle o “alto” obsérvase que o condutor, nacido no ano 1971, presenta signos de embriaguez polo que é sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 1,05 mg/l, case cinco veces máis da taxa permitida, polo que é presentado na Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo onde se instrúen dilixencias por un delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, sendo retirado o vehículo ao Depósito municipal onde queda inmobilizado.

Ademais os axentes observan como o vehículo presenta, na parte superior dereita do cristal do parabrisas, un adhesivo da inspección técnica de vehículos con data de validez ata o mes de agosto de 2021, o cal non concorda coa data de validez real do vehículo que é en agosto do ano 2020, polo que se instrúen dilixencias, ademais, por un presunto delito de falsificación de documento público.

Ruídos en interior de vivendas particulares

Durante a fin de semana do 10 ao 12 de outubro, efectivos do Grupo Operativo da Policía Local de Lugo interviñeron en SEIS domicilios por ruídos molestos que impedían o descanso da veciñanza. Os lugares onde se interveu foi en Catasol, Camiño de Pipín, Serra de Outes, Avenida da Coruña, Manuel María e Calzada das Gándaras.

En todos os casos identificouse aos responsables, requiríndolles para que cesasen nas molestias, levantándose actas de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Control normas COVID-19

Ás 6:30 horas do 11 de outubro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Campos Novos, xa que nun piso de estudantes está a levarse a cabo unha festa.

Os axentes comproban como se escoita ruído de música en ton alto, voces de persoas e unha botella de cervexa dun litro tirada fronte á entrada da vivenda. Identifícase á responsable, comprobando que no interior hai SETE persoas máis, todas sen máscara, sen que ningún dos participantes fosen conviventes e sen manter distancia de seguridade algunha.

Os axentes identifican a todos os mozos e levántanse SETE actas denuncia, propoñendo sanción por infracción á Lei de Saúde de Galicia, xa que a vixente normativa da Consellería de Sanidade indica que nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene.

Así mesmo levantáronse DÚAS actas denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao detectar unha patrulla dúas persoas que transitaban por vía pública sen facer un uso correcto da máscara xa que non cubría nin o nariz nin a boca, subíndoa cando observaban a presenza dos axentes e baixándoa ao ausentarse.

Accidente múltiple e alcoholemia

Ás 1:00 horas do día 13 de outubro un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á Rolda das Fontiñas xa que se produciu un accidente de circulación. Os axentes comproban como un vehículo chocara contra catro vehículos estacionados e dérase á fuga. Momentos máis tarde localízase o vehículo responsable do accidente na rúa Nubeiro sendo sometido o seu condutor ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,48 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Noticias relacionadas