Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 13 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Durante a semana do 6 ao 12 de xullo, dentro da campaña da DXT sobre velocidade, efectivos da Policía Local de Lugo estableceron diferentes controis utilizando un vehículo policial dotado de cinemómetro naquelas vías onde se detecta un incremento da sinistralidade, efectuándose estes filtros en todos os distritos da cidade e en todas as franxas horarias (mañá/tarde/noite).

O resultado desta campaña foi de 5.219 vehículos controlados, formulándose 322 denuncias por pasar a velocidade establecida para a vía

A velocidade máis alta detectada foi de 102 km/h nunha vía limitada a 50 km/h, o que supón para o condutor unha multa de 600 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir.

Así mesmo detectáronse TRES vehículos que circulaban sen que o propietario subscribise un contrato de Seguro que cubra a responsabilidade civil derivada da súa circulación, o que supón unha multa de 1.500 euros e a retirada do vehículo ao Depósito Municipal onde queda inmobilizado.

Tamén se sorprende, ás 2:45 horas do sábado día 11 de xullo, a un condutor que circula pola Ronda das Fontiñas, sendo sometido á realización de probas de detección alcohólica arroxando un resultado POSITIVO de 0,62 mg/l, polo que se lle incoa expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de conducir.

Intervención da Unidade de Atestados en accidentes de circulación ocorridos no centro urbano durante a fin de semana do 10 ao 12 de xullo

  • Accidente de circulación por alcance múltiple en Avenida de Magoi. Tres vehículos implicados. Danos materiais.
  • Atropelo en Avenida da Coruña. O peón resulta ferido e é trasladado en ambulancia ao HULA. Ao condutor do vehículo practícaselle probas de detección alcohólica arroxando un resultado POSITIVO.
  • Accidente de circulación en Av. Fontiñas. Un vehículo impacta contra cinco vehículos estacionados. Practícanselle probas de detección alcohólica ao condutor do turismo e arroxa un resultado POSITIVO.

Emerxencia sanitaria

Continuando co dispositivo activado en datas pasadas para o control do cumprimento da normativa sobre a obrigatoriedade do uso de máscaras a persoas de 6 anos en diante, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo levantaron SETE actas de infracción a outras tantas persoas que transitaban pola vía pública por non facer uso da máscara, sen manter a distancia de seguridade interpersoal e sen atoparse en ningunha das causas de exención contempladas no artigo 6 da Real Decreto-Lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Auxilio a cidadáns

Sobre as 13:25 horas do día 11 de xullo, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio acode á avenida Adolfo Suárez xa que un mozo áchase tirado na beirarrúa. Os axentes comproban que dorme profundamente e que ante as continuas chamadas non responde, polo que requiren a presenza dunha ambulancia que o traslada a un centro médico.

Ás 22:50 do día 12 de xullo unha patrulla acode a unha vivenda da Rolda do Carmen xa que unha persoa de avanzada idade sufrira unha caída no seu interior. Os axentes comproban que está algo nerviosa, tranquilizándoa e requirindo a presenza dunha ambulancia do 061, non sendo necesario trasladala a un centro médico e quedando no seu domicilio ao coidado dunha familiar.

Ás 4:50 horas do día 12 de xullo unha patrulla acode á rúa Fontelo xa que hai unha persoa tirada na beirarrúa. Os axentes comproban que se trata dun mozo que presenta signos de embriaguez, practicándolle os primeiros auxilios e unha vez incorporado rexeita asistencia médica xa que se atopa mellor, requiríndolle un taxi que o traslada ao seu domicilio.

Noticias relacionadas