Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 11 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Durante a tarde do día de onte 10 de febreiro, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, apoiados por un equipo de Atestados deste Corpo, estableceron diferentes filtros de seguridade viaria, centrándose no control de furgonetas, camións e autobuses, detectando dous condutores de repartición con presenza de drogas no organismo ao dar POSITIVO en THC, no correspondentes test de drogas aos que foron sometidos, abríndose a cada un deles expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Así mesmo detectáronse 6 vehículos de repartición de mercadorías cuxos titulares non os presentaran á Inspección Técnica Periódica no prazo debido, polo que se enfrontan a unha sanción de 200 euros.

No transcurso destes dispositivos levantáronse 6 actas de denuncia polas seguintes infraccións á lei de Saúde de Galicia:

  • 4 actas de denuncia por incumprimento da normativa sobre permanencia de persoas, ao detectar non conviventes. Proponse sanción de 500 euros.
  • 1 acta de denuncia por entrar no termo municipal de Lugo sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.
  • 1 acta de denuncia por non facer uso da máscara de protección. Proponse sanción de 100 euros.

Axuda humanitaria

Sobre as 17:20 horas do día 10 de febreiro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se dirixa a rúa San Eufrasio xa que ao parecer unha muller de avanzada idade camiña pola devandita vía totalmente desorientada.

Os policías localizan a esta persoa, de 79 anos de idade, a cal manifesta que se dirixe ao seu domicilio na zona de Castelo pero que non pode precisar nada máis, sendo as súas respostas incongruentes. Os axentes pescudan que dita muller é interna nunha residencia de maiores da cidade, polo que é trasladada ata a porta desa institución onde se fai cargo dela o persoal do centro.

Noticias relacionadas