Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 10 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Nun dos controis realizados na tarde de onte 9 de febreiro para comprobar o cumprimento da normativa COVID-19, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo interceptaron un turismo cuxo condutor carecía de permiso de conducir por perda total dos puntos asignados legalmente, polo que foi trasladado á Unidade de Atestados da Policía Local onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Así mesmo comprobouse que o devandito condutor entrara no municipio de Lugo procedente doutro municipio sen causa xustificada, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, propoñéndose sanción de 500 euros.

Tamén o condutor foi denunciado por senllas infraccións á devandita norma por acharse no interior do vehículo con outras dúas persoas non conviventes, o que supón multa de 500 euros e por non utilizar a máscara de protección obrigatoria, con multa de 100 euros.

O delito contra a seguridade viaria consistente en conducir carecendo de permiso por perda total dos puntos asignados, está castigado no Código penal coa pena de prisión de tres a seis meses ou coa multa de doce a vinte e catro meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días.

Control normas COVID

No día de onte establecéronse diferentes filtros de seguridade para o control do cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantándose SEIS actas de denuncia polas seguintes infraccións á Lei de Saúde de Galicia:

  • 3 actas de denuncia por incumprimento das condicións para a permanencia de grupos de persoas, ao detectar non conviventes. Proponse sanción de 500 euros.
  • 2 actas de denuncia por non facer uso da máscara de protección. Proponse sanción de 100 euros.
  • 1 acta por entrar no termo municipal de Lugo sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.

Así mesmo procedeuse á identificación e denuncia doutro condutor por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá por desobediencia e falta de respecto e consideración aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, sendo proposto para sanción de 601 a 30.000 euros e elevada a denuncia á Subdelegación do Goberno como órgano competente.

Noticias relacionadas