COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Luns, 29 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Control normas COVID-19

Na mañá do día 25 de marzo de 2021 recíbese unha chamada na Sala do 092 na que unha persoa que vive en Alacante, estaba a ver un vídeo en redes sociais  no que un home en directo camiña por unha rúa da cidade de Lugo, sen facer uso da máscara e fumando.

Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo localízao na avenida de Ramón Ferreiro cando estaba a finalizar o vídeo en directo, sendo identificado e denunciado por infraccións á Lei de Saúde de Galicia por non facer uso da máscara e por consumir tabaco sen acharse parado e nun lugar habitual de circulación de viandantes, sen garantir a distancia de separación interpersoal.

Durante esta fin de semana levantáronse 23 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia polos seguintes motivos:

  • 12 actas de denuncia por transitar entre as 22,00 e as 6,00 horas sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.
  • 6 actas de denuncia por incumprir normativa de non conviventes. Proponse sanción de 500 euros.
  • 5 actas de denuncia por non facer uso da máscara. Proponse sanción de 100 euros.

Filtros de seguridade viaria

Durante a fin de semana do 26 ao 28 de marzo/21, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co apoio de axentes da Unidade de Atestados deste Corpo, estableceron diferentes controis de seguridade en vías do centro urbano, co fin de detectar persoas que puidesen atoparse sen xustificación na cidade de Lugo procedentes doutras comunidades autónomas, controlar o cumprimento da normativa COVID-19 e a realización de filtros de seguridade viaria, detectándose as seguintes infraccións:

  • Condutor que circulaba carecendo de permiso de condución, polo que se instrúen dilixencias por un delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.
  • Condutor que é interceptado na rúa Río Navia que presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 1,14 mg/ l ( máis de catro veces a taxa regulamentariamente establecida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.
  • Condutor sorprendido na madrugada do día 28 de marzo circulando con presenza de drogas no organismo, xa que ao realizar a correspondente proba de  drogotest, lanzou un resultado POSITIVO en cocaína e THC, propoñéndose para sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución. Así mesmo foi denunciado por infracción á Lei de Saúde de Galicia por transitar entre as 22,00 e as 6,00 horas sen causa xustificada, con multa de 500 euros.
  • CATRO titulares de vehículos foron denunciados por ITV caducada, abriuse expediente sancionador con multa de 200 euros.
  • DOUS titulares de vehículos foron denunciados por carencia de Seguro Obrigatorio de Automóbiles. Foron propostos para sanción de 1.500 euros a cada un.
  • Nun destes controis, concretamente o establecido na tarde do día 27 na Avenida de Madrid, detéctase un vehículo que circula  zigzagueando entre os vehículos entrando nas rotondas cruzándose dun carril a outro, sendo perseguido por unha patrulla da Policía Local, dándolle alcance na Variante da N-VI, onde despois de ser sometido ás probas de alcoholemia e lanzar resultado negativo, foi denunciado polas infraccións citadas.

Festas en vivendas particulares

- Sobre as 23,30 horas do día 26 de marzo/21, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acoden a un edificio da Avenida de Alfonso X “El Sabio” xa que segundo chamada recibida na Sala do 092, nunha vivenda estaba a celebrarse unha festa que produce moito ruído, imposibilitando o descanso dos veciños.

Os axentes comproban a veracidade da denuncia, observando no salón da vivenda restos do que parece un botellón, pois había bebidas alcohólicas, refrescos, vasos, etc., identificando a todos os participantes, comprobando que CINCO deles non eran conviventes polo que se levantaron actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, propoñéndose para sanción a cada un deles de 500 euros.

Ademais levantouse acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

- Sobre as 1,30 horas do día 28 de marzo/21, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio do Polígono do Sagrado Corazón xa que os veciños denuncian ruídos molestos que proveñen dunha vivenda.

Os axentes comproban que se escoita actividade humana en ton moi alto, polo que identifican ao responsable, sendo requirido para que cesen as molestias o que fai ao instante, levantándose acta denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao detectar persoas non conviventes e acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Auxilio a cidadáns

- Sobre as 0,15 horas do día 27 de marzo/21, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta sentado nun banco da Praza do Campo Castelo a un home de 65 anos desamparado e tremendo de frío, sendo auxiliado e trasladado ao Fogar do Transeúnte onde pasou a noite.

- Sobre as 18,50 horas do día 27 de marzo/21, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode a Regueiro dos Hortos, xa que ao parecer unha moza áchase indisposta, despois de estar de botellón.

Os axentes comproban que se trata dunha moza menor de idade que se acha baixo os efectos de bebidas alcohólicas, polo que é auxiliada polos policías, requirindo a presenza dunha ambulancia, sendo a moza trasladada en brazos por un dos axentes desde o lugar onde se atopaba ata a ambulancia, xa que esta non podía chegar ao lugar onde se achaba a menor, sendo trasladada ao  HULA para a súa atención médica.

Os axentes localizan ao pai da menor ao que informan destes feitos e do traslado da súa filla ao centro médico, manifestando que se trasladaba ao HULA para facerse cargo da súa filla.

Noticias relacionadas