Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 09 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Establecementos públicos

Sobre as 23:30 horas do día 8 de xullo, patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo e de Policía Nacional acoden a un local nocturno da rúa Salvador de Madariaga, xa que segundo chamadas recibidas na Sala de Comunicacións do 092, os veciños queixábanse do ruído que proviña do establecemento.

Os axentes comproban desde o exterior que se escoita música en ton moi elevado que perturba o descanso dos veciños, polo que efectivos da Policía Local realizan unha inspección no interior do establecemento, comprobando que dispón de varios altofalantes, unha mesa de mestura e un ecualizador, que tentan ocultar na zona da cociña, carecendo o local de autorización para a instalación de equipo de reprodución musical, motivo polo cal se levanta acta de infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Comproban ademais que o establecemento supera o aforo máximo permitido, xa que na licenza indícase un aforo de 78 persoas e había no interior 96, superando con fartura o 75% establecido, observando que os clientes se achaban no interior sen máscara e sen respectar a distancia de seguridade interpersoal, polo que se levanta acta por infracción á normativa da Consellería de Sanidade sobre medidas implantadas con ocasión da situación de emerxencia sanitaria.

Para gañar espazo no interior do local o responsable colocou a máquina de futbolín enriba da mesa de billar. Por tal motivo os axentes ordenan o desaloxo do establecemento polos graves incumprimentos das medidas de prevención impostas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, identificando o responsable do local o cal manifesta que se está celebrando unha festa de aniversario.

No transcurso da inspección os axentes da Policía Local detectan como dúas persoas que realizan funcións de camareiros non achegan ningún tipo de contrato nin vinculación laboral co establecemento, polo que se levanta acta para a súa remisión á Inspección de Traballo da Seguridade Social.

Tamén se detecta que no interior hai moitas cabichas, fume no ambiente e un forte cheiro a tabaco, polo que os axentes levantan acta por infracción á lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo.

Multimedia

  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas