Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 08 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Molestias por ruídos en vivendas

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo tiveron que intervir durante as noites do venres ao sábado e do sábado ao domingo en OITO domicilios por ruídos que molestaban aos veciños.

  • A noite do venres día 5 unha patrulla acode á Estrada Vella de Santiago xa que os veciños dun inmoble queixábanse dos ruídos que producía un extractor de fumes dun establecemento de hostalería. Os axentes comproban as molestias e identifican ao titular do local e proponse mediante acta a inspección do local por parte dun técnico municipal.
  • A madrugada do sábado 6 de xuño as patrullas tiveron que acudir á Rolda das Fontiñas (2:15 horas) xa que os veciños dun inmoble queixábanse dos ruídos que proviñan dunha vivenda. Os axentes comproban que se estaban celebrando uns aniversarios polo que requiren á inquilina que cese nas molestias o que fai de forma inmediata. Con todo ás 3:45 horas recíbense máis chamadas á Sala de Comunicacións do 092 de queixas dos veciños pola mesma vivenda, polo que os axentes levantan acta de infracción á Ordenanza de Protección Ambiental, ordenando o cesamento inmediato das molestias.
  • A mesma noite acoden a Camiño de Roca, comprobando que no interior dunha vivenda estaba a celebrarse unha reunión na que participaban 8 persoas, xerando ruídos ao ter as xanelas abertas. Os axentes requiren para que cesen as molestias, abandonando as persoas o domicilio.
  • Ás 3:30 horas acoden á Calzada das Gándaras xa que nun edificio estaba a celebrarse unha festa que provocaba molestias aos veciños. Os axentes requiren ao responsable, dando por terminada a reunión e finalizando as molestias.
  • A madrugada do 6 ao 7 de xuño, un indicativo policial acode a un edificio da rúa Río Eo xa que os veciños denunciaban ruídos molestos que proviñan dunha vivenda. Os axentes comproban desde o exterior como se escoitan ruídos de voces e música en ton alto, requirindo ao responsable do piso e cesando de inmediato nesta conduta.
  • Esa mesma noite acoden, sobre as 2:00 horas, a San Salvador de Muxa onde os veciños denunciaban as molestias que se producían desde o interior dunha vivenda. Os policías comproban que se estaba celebrando un aniversario, polo que se require á responsable para que poña fin aos ruídos, o que fai ao instante.
  • A noite do domingo ao luns unha patrulla acode sobre as 2:15 horas á Rolda do Carmen xa que os veciños dun inmoble queixábanse dos ruídos que proviñan dunha vivenda. Os axentes comproban como se estaba utilizando un karaoke en ton alto, polo que requiren á inquilina para que proceda ao cesamento na devandita actividade, o que fai ao instante, finalizando así as molestias.

Auxilio a cidadáns

Na mañá do día 7 de xuño efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio acudiron a unha vivenda da rúa Otero Pedrayo xa que unha persoa de avanzada idade non contestaba ás chamadas que lle facían desde o exterior, temendo que lle puidese pasar algo grave. Os axentes, co apoio dunha dotación de Bombeiros, acceden ao interior a través dunha xanela e observan á señora tendida no chan do balcón e consciente, polo que se practican os primeiros auxilios e trasládana á cama, dando aviso a unha ambulancia do 061 que a traslada ao HULA, localizando os axentes a unha familiar que se fai cargo da muller.

Inspección establecementos públicos

A noite do sábado ao domingo levantouse acta por infracción á normativa reguladora de espectáculos públicos e actividades recreativas nun local da Rúa Nova que tiña instalado altofalantes de música sen contar coa debida autorización administrativa e realizaba a actividade tendo as portas do local abertas, transmitindo altos niveis de ruído ao exterior.

Filtros de Seguridade Viaria

Despregáronse diversos “filtros” en vías do centro urbano, realizándose denuncias por infraccións aos Regulamentos de Circulación e de Vehículos, detectando un POSITIVO nas probas de detección alcohólica practicadas.

Intervención da Unidade de Atestados da Policía Local en accidentes de circulación ocorridos no centro urbano

5 xuño

  • 13:45 horas. Accidente de circulación na Avenida Benigno Rivera. O condutor dun vehículo perde o control e choca contra a protección bionda, un sinal vertical e posteriormente contra un farol de iluminación pública. Danos materiais.
  • Accidente de circulación no aparcadoiro de As Termas. Dous vehículos implicados. Danos materiais.

7 xuño

  • 11:05 horas. Accidente de circulación na rúa Bidueiro. Dous vehículos implicados. Danos materiais.

Noticias relacionadas