Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 08 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Control normas COVID-19

Desde o 1 ao 7 de abril, con motivo da ponte de Semana Santa, a Policía Local de Lugo intensificou os controis para comprobar o cumprimento da normativa COVID, establecéndose numerosos filtros de seguridade en vías do centro urbano, levantándose 67 actas de denuncia polas seguintes infraccións á Lei de Saúde de Galicia:

  • 28 actas por incumprir as disposicións sobre persoas non conviventes. Proponse sanción de 500 euros.
  • 16 actas por transitar entre as 22:00 e as 6:00 horas sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.
  • 15 actas por non facer uso da máscara. Proponse sanción de 100 euros.
  • 4 por consumir en barra dentro dun local de hostalería. Proponse sanción de 500 euros.
  • 1 por fumar sen respectar a distancia de seguridade interpersoal. Proponse sanción de 500 euros.
  • 1 por incumprir a normativa sobre aforo en local de hostalería. Proponse sanción de 500 euros.
  • 1 por incumprir o horario de peche en local de hostalería. Proponse sanción de 500 euros.
  • 1 por non colaborar  co labor inspector. Proponse sanción de 3.001 euros.

Delitos contra a seguridade viaria

Nos controis establecidos por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co apoio de equipos da Unidade de Atestados do Corpo, detectáronse CATRO delitos contra a seguridade viaria polos seguintes motivos:

  1. Condutora que circula co seu turismo pola Avenida Infanta Elena sendo privada da autorización administrativa para conducir por resolución xudicial.
  2. Condutor sorprendido na Avenida Reverendo Xosé Fernández, baixo os efectos de bebidas alcohólicas e sendo privado da autorización para conducir por resolución xudicial.
  3. Condutor detectado na Avenida de Breogán que conduce o seu vehículo carecendo de permiso de condución.
  4. Condutor detido en rúa das Fontes que lanzou un resultado POSITIVO de 1,04 mg/ l nas probas de detección alcohólica ás que foi sometido.
  5. En todos estes casos instruíronse dilixencias por delito contra a seguridade viaria, citando aos condutores como investigados para Xuízo Rápido.

Auxilio á cidadanía

Ás 17:15 horas do día 7 de abril  unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio acode a unha vivenda da Avenida da Coruña xa que, segundo chamada do 112, unha persoa de avanzada idade caera da cama e non podía levantarse polos seus propios medios. Os axentes acceden ao interior do piso e descobren a unha muller de 70 anos tirada no chan á beira da cama, consciente, sendo auxiliada polos axentes que a incorporaron e deitaron na súa cama, estando asistida por unha muller que se encarga de facerlle a comida e a cea, rexeitando asistencia médica.

Sobre as 20:30 horas do mesmo día, unha patrulla detecta a un home de 93 anos camiñando pola Avenida de As Américas completamente desorientado, xa que non lembraba onde vivía nin achegaba dato algún sobre domicilio ou familia. Os axentes procuráronlle os primeiros auxilios requirindo unha ambulancia do 061, sendo asistido polo persoal sanitario. Os policías pescudaron o seu domicilio, contactando coa súa esposa, a cal se desprazou ata o lugar onde estaba o seu marido na ambulancia, facéndose cargo del.

Sobre as 0:50 horas do día 8 de abril unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno de servizo na rúa Serra de Ancares, detecta un home tirado na beirarrúa detrás duns contedores. Os axentes practícanlle os primeiros auxilios, comprobando que non era capaz de articular palabra algunha, polo que se require unha ambulancia do 061, sendo trasladado ao HULA para a súa atención médica.

Noticias relacionadas