Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados da fin de semana do 5 ao 7 de marzo

Luns, 08 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Control normas COVID-19

Sobre as 00:15 horas día 6 de marzo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta que un establecemento de hostalaría, situado na rúa Fermín Rivera, áchase con xente no interior, cando tería que pechar ao público ás 18:00 horas. Os axentes escoitan desde os exterior cánticos e voces de persoas e observan que a luz do establecemento está acesa, polo que chaman repetidamente á porta, calándose nese momento as persoas que se achaban dentro, non abrindo o responsable do local, a pesar dos continuos requirimentos e ordes dadas polos axentes. Por tal motivo establécese un dispositivo, comprobando que sobre as 2:45 horas comezan a saír do local varias persoas, interceptando dous vehículos e sometendo aos condutores ás probas de detección alcohólica, lanzando dúas deles resultado POSITIVO, o primeiro de 0,63 mg/l e o segundo condutor de 0,55 mg/l, sendo retirados os vehículos polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde quedaron inmobilizados.

Ademais de ser denunciados, tanto condutores como acompañantes, por infracción á Lei de Saúde de Galicia por transitar entre as 22:00 e as 6:00 horas, sen causa xustificada, propoñéndose sanción de 500 euros, ambos os condutores foron sancionados ademais con 1.000 euros de multa e a retirada de 6 puntos do permiso de condución por circular cunha taxa de alcol superior a 0,25 mg/l (que é a regulamentariamente establecida), excedendo o 0,50 mg/l.

Así mesmo os titulares dos vehículos foron denunciados por ter a ITV caducada, polo que se abre expediente sancionador de 200 euros a cada un.

O responsable do establecemento foi denunciado por dúas infraccións á Lei de Saúde de Galicia, a primeira por quebrantar o horario de peche ao público (establecido ás 18:00 horas), propoñéndose sanción de 500 euros e a segunda por non colaborar cos axentes da autoridade impedindo o labor inspector, propoñéndose sanción de ata 60.000 euros, co agravante de reincidencia.

Ademais durante a fin de semana establecéronse dispositivos policiais para o control do cumprimento da normativa COVID da Xunta, levantándose 31 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, polos seguintes feitos:

  • 19 actas de denuncia por transitar entre as 22:00 e as 6:00 horas, sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.
  • 6 actas de denuncia por fumar en espazos públicos sen manter a distancia de seguridade interpersoal. Proponse sanción de 500 euros.
  • 6 actas de denuncia por non facer uso da máscara de protección. Proponse sanción de 100 euros.

Ruídos en interior de vivendas

Sobre as 3:30 horas do día 6 de marzo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092, para que acuda a un edificio da Estrada da Granxa, xa que segundo os veciños escóitanse ruídos provenientes dunha vivenda que imposibilitan o descanso. Os axentes comproban que se escoita volume de música en ton alto e voces de persoas, polo que se procede á identificación da responsable, a cal manifesta que se atopa cunha compañeira de piso e que non era consciente das molestias que causaba, sendo requirido para que cesen, o que fai ao instante.

Atropelo con POSITIVO en probas de alcoholemia realizadas a un peón

Sobre as 17:35 horas do día 5 de marzo un equipo da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á Avenida da Coruña xa que ao parecer produciuse un atropelo. Os axentes comproban que, á altura do inmoble nº 125, un vehículo atropelara a unha muller no paso de peóns alí existente. A muller foi evacuada por unha ambulancia a un centro hospitalario da cidade, practicando os policías probas de detección alcohólica tanto ao condutor como á peón, lanzando esta un resultado POSITIVO de 0,58 mg/l.

A Policía Local de Lugo lembra que a vixente Lei de Seguridade viaria establece que, ademais dos condutores de vehículos, os demais usuarios da vía (por exemplo un peón) están obrigados a someterse ás probas de detección alcohólica, cando se achen implicados nun accidente de circulación ou cometesen unha infracción á normativa de tráfico e seguridade viaria. No caso de que un usuario da vía, que non fose condutor, lanzase un resultado positivo ou se negara a realizar as probas de alcoholemia ou drogas, carrexa unha sanción administrativa, que neste último caso ascende a 1.000 euros.

Noticias relacionadas