Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 06 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Intervención policial en local de hostalería

Sobre as 00,55 horas do día 4 de abril/21, nun operativo conxunto efectuado por efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo e da Policía Nacional acódese a un local de hostalería da rúa Salvador de Madariaga xa que veciños denuncian a existencia dunha pelexa na vía pública e xente no interior do establecemento.

Os axentes escoitan a persoas que se achan no interior en actitude festiva, chamando repetidamente á porta de entrada, momento no que sae o propietario do establecemento, o cal manifesta aos axentes que se atopan tres persoas realizando labores de limpeza e inventario, accedendo ao seu interior para realizar unha inspección.

Os axentes observan un bolso de muller sobre a barra e numerosos vasos con líquido nas mesas, descubrindo a dous homes que se achaban escondidos dentro dos baños e a outras dúas persoas escondidas na cociña, sendo identificadas todas elas e propostas para sanción por infracción á Lei de Saúde de Galicia.

O titular do establecemento foi proposto para sanción por diversas infraccións graves á Lei de Saúde de Galicia, procedendo ao desaloxo e peche do local.

Quebrantamento de condena

Sobre as 00,20 horas do día 4 de abril/21 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo observa transitando pola vía pública a un home que debía estar no seu domicilio cumprindo unha condena xudicial de localización permanente, ordenada por un Xulgado de Instrución desta cidade, manifestando que saíra a pasear ao seu can.

Por este motivo instrúense dilixencias por un delito de quebrantamento de condena, levantándose tamén acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por incumprimento do toque de queda en relación ás medidas preventivas ditadas a raíz do COVID-19.

Filtros de seguridade

No día 5 de abril/21, con ocasión do establecemento de  filtros de seguridade por parte de patrullas da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, para o control do cumprimento da normativa COVID-19 e das normas de seguridade viaria, detectouse na rúa Santo Grial un condutor dun vehículo que circulaba sen facer uso do cinto de seguridade, polo que se procede a darlle o “alto”, momento que lanza pola xanela un cigarro, que posteriormente se comproba era  hachis.

Por tal motivo sométese ao condutor ás probas de  drogotest, lanzando un resultado POSITIVO en  THC.

O condutor foi denunciado por conducir con presenza de drogas no organismo, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, así como por conducir sen facer uso do cinto de seguridade o que carrexa multa de 200 euros e a retirada de 3 puntos do permiso de condución.

Así mesmo levántase acta de denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá pola tenencia de estupefacientes, para a súa remisión á Subdelegación do Goberno.

 Tamén se detectou, sobre as 3,30 horas, a unha persoa na calle Lamas de Prado que ao decatarse da  presenza policial escapou en dirección á rúa Sierra de Outes, sendo interceptado na devandita rúa e ao practicarlle un rexistro corporal atópaselle unha bolsa de marihuana e un cigarro liado, procedendo á súa intervención e levantando acta por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá para a súa remisión á Subdelegación do Goberno, levantándose acta denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por transitar entre as 22,00 e as 6,00 horas sen causa xustificada, propoñéndose sanción de 500 euros.

Noticias relacionadas