Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 05 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Quebrantamento de condena

Sobre as 19:00 horas do día 1 de xullo, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, detecta camiñando pola rúa Camiño Real a unha persoa sobre a que pesa unha condena penal de localización permanente, polo que non podería saír do seu domicilio.

Esta persoa é identificada e instrúense dilixencias para o Xulgado competente por delito de quebrantamento de condena.

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 8:50 horas do día 3 de xullo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía local de Lugo detecta a circulación irregular dunha motocicleta pola rúa Saúde, comprobando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde é sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,78 mg/l (triplicaba a taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

O vehículo foi inmobilizado no citado lugar e o condutor chamou a un amigo para que viñese recollelo, pero ao chegar á Xefatura da Policía Local no seu turismo, os axentes observaron que este amigo presentaba tamén signos de embriaguez, polo que foi sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,57mg/l , abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, quedando inmobilizado o vehículo.

Auxilio á cidadanía

  • Sobre as 9:00 horas do día 3 de xullo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da rúa da Pomba xa que unha persoa informa que hai aproximadamente dúas horas que escoita a unha veciña de avanzada idade, que vive soa, queixarse desde o seu interior, pedindo axuda. Que os axentes tras comprobar a veracidade da chamada, solicitan a presenza dunha dotación de Bombeiros e unha ambulancia do 061, procedendo á entrada ao interior da vivenda a través dunha das xanelas da galería que se atopaba entre aberta.

Que unha vez no interior observan como unha señora de 67 anos atópase tirada no chan dunha das habitacións, sendo asistida polos facultativos, manifestado que caera e tiña unha forte dor no ombreiro e brazo dereito, sendo evacuada ao HULA, localizando os axentes a un familiar ao que informaron do sucedido.

  • Sobre as 17:00 horas do día 3 de xullo, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio acode a un edificio da avenida de Ramón Ferreiro xa que ao parecer no balcón dunha vivenda había unha persoa tirada no chan pedindo auxilio. Os axentes observan a unha muller de avanzada idade de pé no balcón e tirado no chan un home, solicitando auxilio e ao non poder a muller abrir a porta da vivenda para poder ser auxiliada, requírese a presenza dunha dotación de Bombeiros e unha ambulancia o 061, comprobando os axentes, ao acceder ao interior do piso, que o home de 90 anos sufrira un mareo, perdendo o equilibrio e non era capaz de incorporarse.

Que a dotación sanitaria atende a esta persoa, localizando os axentes a unha familiar que se fai cargo destas persoas.

  • Sobre as 22:15 horas do día 3 de xullo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo trasládase a un edificio da Rolda de Fingoi xa que ao parecer unha persoa caera no interior da súa vivenda e non era capaz de levantarse. Que os axentes comproban que unha señora de 87 anos achábase tirada no chan do salón e ao seu lado o seu marido, tamén de avanzada idade, que era incapaz de incorporala, polo que os axentes proceden a auxiliar a esta persoa, colocándoa nunha cadeira de rodas e trasladándoa ata a súa cama onde a deitan, rexeitando asistencia médica xa que manifesta que se atopa en bo estado.
  • Sobre as 00:10 horas do día 3 de xullo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da rúa Tres Marías xa que unha persoa en cadeira de rodas necesitaba axuda para acceder ao seu domicilio.

Que debido ao peso da persoa e a estreiteza das escaleiras, entre a patrulla policial e unha dotación de Bombeiros, púidose subir á persoa ata a súa habitación, quedando en compañía dunha familiar.

  • Sobre as 00:25 horas do día 3 de xullo, unha dotación do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo localiza na Nacional VI, nas inmediacións da Ponte branca, a un home de 82 anos que deambulaba e corría risco de ser atropelado. A patrulla puido pescudar que a familia desta persoa estaba a buscalo desde as 19:00 horas xa que sufría unha enfermidade dexenerativa, sendo trasladado no vehículo policial ata o seu domicilio onde foi recollido polos seus familiares.

Festa en interior de vivenda

Sobre as 23:15 horas do día 3 de xullo, os veciños dun inmoble de Camiño Real denunciaban ruídos molestos que proviñan dunha vivenda. Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode ao lugar e comproban que desde a rúa escóitase música en ton moi alto desde unha vivenda que tiña as xanelas abertas.

Procédese á identificación do responsable, manifestando que estaba a celebrar un aniversario, sendo requirido para que cesen as molestas, o que fai ao instante.

Control normas COVID

Durante as madrugadas do 3 e 4 de xullo, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron diferentes dispositivos para o control do cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, levantándose DEZ actas de denuncia, na madrugada do sábado ao domingo, por infraccións á Lei de Saúde de Galicia e Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, referidas a:

  • Non facer uso da máscara.
  • Fumar sen respectar a distancia de seguridade interpersoal.
  • Incumprimento de aforo en establecemento de hostalería (DÚAS).
  • Carecer de rexistro de clientes nun establecemento de lecer nocturno.
  • Consumir en barra.
  • Desobediencia a axentes da autoridade.
  • Falta de respecto e consideración a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións (TRES).

Noticias relacionadas