Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 05 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Estado de Alarma

Durante a fin de semana do 1 ao 3 de maio, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio e a Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo estableceron diferentes controis para comprobar e, no seu caso, impedir que se leven a cabo os servizos e actividades suspendidas así como velar polo cumprimento das limitacións sobre a circulación de persoas e vehículos, levantándose 30 actas de infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, identificándose a 96 persoas e interceptando a 350 vehículos.

Así mesmo detectouse un turismo sobre o que pesaba dous mandamentos de procura e localización por embargo, emitidos polos Concellos de Bilbao e Sestao, sendo retirado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde queda PRECINTADO.

Axuda humanitaria

Durante a fin de semana efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio interviñeron en CINCO casos de auxilio a cidadáns.

No primeiro acudiron á Praza da Fonte dos Ranchos xa que unha persoa atopábase durmindo tendido na beirarrúa. Os axentes ao comprobar que é unha persoa “sen teito” trasladárono ao Fogar do Transeúnte.

No segundo caso, acoden á rúa Pintor Villamil xa que unha persoa achábase tirada na beirarrúa. Os policías comproban que presenta unha forte intoxicación etílica e un hematoma na fronte polo que lle practican os primeiros auxilios requirindo a presenza dunha ambulancia para o seu traslado ao HULA.

No terceiro caso, auxíliase a unha señora no Parque da Milagrosa que se caeu accidentalmente. Os axentes observan que a muller ten dificultade para expresarse non sendo capaz de indicar o seu domicilio, aínda que coñece o percorrido. Requírese a presenza dunha ambulancia que lle practica os primeiros auxilios, localizando os axentes a un fillo que se fixo cargo desta persoa.

No cuarto caso, os axentes son comisionados para que acudan á rúa Soto Freire xa que ao parecer unha persoa achábase tirada na rúa. Os policías observan que dita persoa presenta síntomas de embriaguez, procedendo a auxiliala e requirindo a presenza dunha ambulancia para o seu traslado ao HULA.

No quinto caso os axentes acoden a un domicilio da cidade para comunicar o falecemento dun familiar no País Vasco.

Discusión no ámbito familiar

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acoden á aldea de Cuíña en Santa Eulalia de Riveira, por unha discusión no interior dunha vivenda. Os axentes, coa súa presenza, cooperan á resolución do conflito, que ao parecer orixinouse por unha deficiente execución duns traballos de xardinería na leira que rodea a edificación.

Temporal de vento

Na tarde/noite do 4 de maio, con motivo dos fortes refachos de vento, por parte da Policía Local de Lugo, realizáronse numerosas intervencións por caída de árbores, ramas, contedores, valos de obras e sinais.

Noticias relacionadas