Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 03 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 17,55 horas do 30 de abril/21, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta na Avenida da Coruña con Dolmen a circulación irregular dun vehículo.

Ao fala co condutor obsérvase que presenta signos evidentes de embriaguez, polo que é sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 1,07 mg/ l (máis de catro veces a taxa máxima permitida), sendo presentado na Unidade de Atestados do Corpo da Policía Local de Lugo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Sobre as 00,15 horas do día 2 de maio/21, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun turismo pola  rúa  Laverca, comprobando que o condutor presenta signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,87 mg/ l(triplicaba a taxa máxima permitida), polo que é presentado na Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Ademais do condutor, no vehículo viaxaban outras dúas persoas, sendo denunciados todos eles por infracción á Lei de Saúde de Galicia por quebrantar o “toque de queda”, sendo propostos para sanción de 500 euros cada un deles.

Festas en interior de vivendas

Sobre as 22,40 horas do día 30 de abril/21 efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acoden a un inmoble de Flor de  Malva xa que os veciños queixábanse dos ruídos molestos que proviñan dun baixo do edificio.

Os axentes comproban a veracidade das chamadas e proceden á identificación do responsable, comprobando que se achan no interior catro novos, os cales son identificados, sendo requiridos para que cesen as molestias, o que fan ao momento e abandonando inmediatamente o lugar para non quebrantar o “toque de queda”.

Levántase acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 03,05 do día 1 de maio/21, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da Praza 1º de Maio, xa que os veciños denuncian ruídos molestos que proveñen dunha vivenda.

Os axentes comproban que se escoitan ruídos do volume excesivo do televisor  e de actividade humana, polo que se procede á identificación do responsable, ao cal se lle require para que cesen as molestias, o que fai ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 23,10 horas do día 1 de maio/21 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo desprázase a un inmoble da rúa Luís Ameijide xa que os veciños denuncian ruídos molestos que proveñen dunha vivenda.

Os axentes comproban que se está levando a cabo unha festa no interior, con música en ton moi alto e actividade humana, sendo identificada a responsable a cal manifesta que está a celebrar uns aniversarios con persoas conviventes, non sendo consciente das molestias que producía.

Os axentes requírenlle para que cesen, o que fai de inmediato, levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 3,15 horas do mesmo día acode unha patrulla a un inmoble da rúa Fabio Máximo xa que segundo as chamadas recibidas na Sala do 092, escóitanse ruídos molestos desde unha vivenda.

Os axentes comproban que os ruídos son de música en ton alto e actividade humana, polo que identifican a responsable a cal manifesta que está a charlar cunha persoa convivente, sen que fose consciente que causaba molestia algunha, polo que se lle require para que cesen, o que fai ao momento.

Auxilio a cidadáns

Sobre as 13,45 horas do día 1 de maio/21, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un inmoble en Concepción Arenal xa que ao parecer a unha veciña pechóuselle a porta da súa vivenda cunha pota ao lume.

Os axentes proceden a requirir a presenza dunha dotación de Bombeiros que abren o piso, accedendo a propietaria que apaga o lume da cociña, sen que se producise incidente algún.

Noticias relacionadas